Arranca unha nova edición do programa Outono Gastronómico
A Xunta de Galicia ten en marcha ata o 15 de decembro a 18ª edición do programa Outono Gastronómico de Turismo Rural, a iniciativa coa que cada ano promove as viaxes fóra da tempada alta combinando o turismo rural e a gastronomía co fin de desestacionalizar e dar pulo ao sector. Nesta campaña participan 23 establecementos da provincia de Lugo.
O delegado territorial, Javier Arias, visitou un dos aloxamentos adheridos, Casona de Labrada, no concello da Pontenova, para dar a coñecer os detalles deste programa, ao que se adheriron un total de 77 negocios de toda Galicia.
Os consumidores poden escoller entre diferentes modalidades que inclúen menús deseñados especialmente para esta campaña, así como estadías dunha noite ou dunha fin de semana. A maiores, algúns establecementos ofrecen actividades complementarias, como visitas culturais, roteiros de sendeirismo, paseos a cabalo ou descenso en canoa, entre outras. Hai tamén paquetes para as familias que viaxan con nenos e nenas.
Na provincia de Lugo adheríronse ao 18 Outono Gastronómico dez casas de turismo rural da Zona Sur -situadas en Taboada, Folgoso do Courel, Chantada, O Saviñao, Pantón, Quiroga e Sober-; cinco da Mariña -en Cervo, Foz, Lourenzá, A Pontenova e Trabada-; tres na comarca de Lugo -en Castroverde, Lugo e O Corgo-; e outras cinco en Castro de Rei, Cervantes, Monterroso, As Nogais e Sarria.
Javier Arias destacou que o obxectivo deste programa é “dar pulo ao sector do turismo rural, dinamizando a oferta fóra das épocas de maior ocupación” e instou a todos a “aproveitar esta oportunidade para desfrutar dos excelentes produtos e servizos que temos en Galicia”.
A campaña Outono Gastronómico no Turismo Rural xerou nas súas 17 edicións anteriores preto de 6 millóns de euros coa participación de máis de 92.000 persoas en toda a comunidade. Toda a información está dispoñible na páxina web de Turismo de Galicia.