Arranca o curso de verán sobre a figura e obra de Fernández del Riego en Lourenzá

AMariñaXa
Lourenzá acollerá do 4 ao 6 de setembro un encontro de tres días no que se afondará no legado de Del Riego
lourenza xornada fernadez del riego setembro 2023
4 sep 2023

A Real Academia Galega, a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Lourenzá colaboran nun curso de verán que achegará novas olladas á figura e ao legado do protagonista do Día das Letras Galegas 2023.

O dputado de Recursos Sostibles e alcalde de Foz, Francisco Cajoto, participou en Lourenzá na apertura do curso de verán Francisco Fernández del Riego na Cultura Galega do Século XX, xunto á rexedora, Rocío López, o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López Díaz, o vicesecretario da Real Academia Galega e director do curso, Henrique Monteagudo, e o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez.

Esta cita, que se celebrará ata o mércores no auditorio do municipio mariñano, está enmarcada na programación organizada polo Concello de Lourenzá e a Real Academia Galega co apoio da Deputación de Lugo e outras institucións, para homenaxear ao tradutor, novelista, historiador, xornalista, ensaísta e editor laurentino neste 2023 con motivo das Letras Galegas.

Cajoto explicou que a programación “está sendo unha oportunidade magnificamente aproveitada para estudar, recoñecer e lembrar a Fernández del Riego, enriquecéndonos así como sociedade e como país, e tamén para proxectar o patrimonio, o talento e todas as capacidades que ofrece Lourenzá, A Mariña e o conxunto da provincia”.

A institución provincial implicouse na organización conxunto de actividades durante todo o ano cunha achega económica de 60.000€ ao Concello laurentino, co fin de contribuír a dar a coñecer e poñer en valor a traxectoria de Fernández del Riego. “Dende a Deputación estamos convencidos de que a nosa cultura, a nosa lingua, a nosa historia e tradicións, o noso patrimonio, en definitiva, a nosa esencia como país, é o que máis nos enriquece e o que garante a nosa capacidade para prosperar”, argumentou o Deputado.

Francisco Cajoto agradeceu na súa intervención o traballo da Real Academia Galega e da Alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, polo esforzo realizado para a posta en marcha dun amplo programa.

17 horas e 30 participantes

O curso de verán, impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela, ten como obxectivo analizar a traxectoria, a obra e achegar a figura de Francisco Fernández del Riego como activista, intelectual, estudoso e escritor nos contextos históricos. O programa ten unha duración de 17 horas e participan 30 persoas. A programación inclúe mesas redondas, testemuñas e un paseo.

Luns, 4 de  setembro

  • 17.00 h.: Inauguración do curso
  • 17.30 h.: Francisco Fernández del Riego na Real Academia Galega. Víctor F. Freixanes
  • 18.30 h.: Unha traxectoria ao servizo de Galicia. María Dolores Villanueva Gesteira

Martes, 5 de  setembro

  • 09.30 h.: Francisco Fernández del Riego na II República. Anos de formación política e intelectual. Justo Beramendi
  • 11.00 h.: Mesa redonda: Da República á resistencia
  • 12.30 h.: Francisco Fernández del Riego e a diáspora galega en América. Ramón Villares Paz
  • 16.30 h.: O epistolario entre Francisco Fernández del Riego e Luís Seoane: diálogo entre o exilio exterior e o exilio interior. Xesús Alonso Montero
  • 18.00 h.: Percorrido: Francisco Fernández del Riego e Lourenzá

Mércores, 6 de  setembro

  • 10.00 h.: Mesa redonda: Epistolario, amizades e redes
  • 12.00 h.: Mesa redonda: Memoria, ensaio, paisaxe
  • 16.30 h.: Francisco Fernández del Riego na editorial Galaxia, na Fundación Penzol e na revista Grial. Xosé Manuel Soutullo
  • 17.30 h.: Mesa redonda: Francisco Fernández del Riego na Xeración Galaxia
  • 19.30 h.: Acto de clausura
0.19268083572388