Arranca nos centros de ensino da Mariña o programa 'Un mar de diversidade II'

AMariñaXa
Trátase dunha proposta educativa que ten como obxectivo fomentar o respecto, a empatía e a valoración da diversidade entre o alumnado da comarca
un-mar-de-diversidade
25 Oct 2025

O programa Un mar de diversidade II iniciou a súa andaina este mes de outubro grazas ao apoio do programa FEMPA da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, a través do GALP A Mariña-Ortegal.

Esta segunda edición dá continuidade a unha proposta educativa que ten como obxectivo fomentar o respecto, a empatía e a valoración da diversidade entre o alumnado da Mariña Lucense. Para iso, créase un escenario mariño cheo de actividades lúdicas e interactivas, no que nenos e nenas se mergullan nun mar onde a riqueza está precisamente nas diferenzas.

Ao longo do mes de outubro, o equipo da Asociación Guillem Veiga Iglesias percorrerá, por segundo ano consecutivo, os colexios da contorna, ofrecendo unha experiencia vivencial que permite ao alumnado comprender mellor a realidade das persoas con discapacidade, poñendo en valor as súas capacidades e tomando conciencia das barreiras que existen nas contornas. O propósito é fomentar o respecto e a valoración da diversidade desde idades temperás, promovendo unha sociedade máis inclusiva.

A actividade propón unha viaxe polo mar guiada por simpáticos personaxes —o galo do norte, o pargo vermello, o polbo, a quenlla, o peixe paiaso e o golfiño— que acompañan aos escolares en diferentes retos. A través deles, aprenden que as verdadeiras barreiras non están nas persoas, senón nas contornas non inclusivas, e que a autonomía é posible cando existen recursos e condicións accesibles.

O programa está dirixido ao alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria (8 a 10 anos), e a Asociación destaca a excelente acollida das escolas, que cubriron rapidamente as dez prazas ofertadas.

A Asociación Guillem Veiga Iglesias leva anos traballando para mellorar a calidade de vida das familias da Mariña, favorecendo o acceso temperán a diagnósticos e servizos especializados, e desenvolvendo campañas de sensibilización e inclusión como Inquedanzas, Mar de Diversidade ou actividades de ocio inclusivo como o Diversiprix.

⚙ Configurar cookies
0.066312074661255