Arranca este sábado unha nova edición da Festa do Ourizo de Cervo
Haberá sesión vermú a cargo de Festicultores Troupe; pasarrúas ao longo da tarde coa Louband Street Band e ás 22.00 horas actuación da orquestra Funçao Pública.
A XXIX edición da Festa do Ourizo terá lugar este sábado 19 de marzo, en San Cibrao. Para ese día están programadas diferentes actividades que terán ao equinodermo como prato principal.
Como en anteriores edicións, tamén se celebrará un concurso gastronómico que está aberto aos locais da hostalería de San Cibrao que participan na festa: O Noso Lar, As Titas, O Faro, A Bodega, Maruxaina, Aquelarre e Buenavista. Nesta ocasión, o concurso celebrarase o luns, 14 de marzo, na Casa da Cultura. Os participantes deberán entregar as súas propostas –dúas como máximo- ás 17:00 horas. O xurado composto por cociñeiros decidirá cales son as tres tapas gañadoras. A entrega de premios será ás 19:00 horas na mesma Casa da Cultura.
O día da festa os locais participantes ofrecerán a tapa do concurso e outras moitas variedades aos visitantes durante toda a xornada. Haberá folletos informativos no que se especifican algunhas das tapas que se poderán probar, e que terán como denominador común o ourizo.
Ademais haberá sesión vermú desde as 14:00 horas a cargo de Festicultores Troupe, na carpa da Praza dos Campos; ao longo da tarde haberá pasarrúas a cargo da Louband Street Band; e xa pola noite, a orquestra Funçao Pública ofrecerá un espectáculo musical a partir das 22:00 horas na Praza dos Campos.
En declaracións do alcalde, Alfonso Villares,: “é unha boa nova que recuperemos a celebración desta festa despois de dous anos, aínda que a pandemia aínda está a condicionar a programación. Nesta edición non podemos levar a cabo todas as actividades que viñan sendo habituais pero agardamos que para o ano seguinte xa podamos celebrar a Festa do Ourizo con total normalidade”.
Desde o Concello de Cervo convidan a todo o mundo a asistir nesa xornada a San Cibrao, para participar nas diferentes actividades programadas con motivo desta festa declarada de Interese Turístico Galego desde o 2008.