Arranca a Semana das Artes na Mariña

AMariñaXa
A área de Cultura financia os desprazamentos de once centros educativos co obxectivo de achegar a obra do artista a un público máis novo
INAUGURACION SEMANA DAS ARTES A MARINA
21 Mar 2022

O Complexo Sargadelos de Cervo acolleu o acto de inauguración da 7ª Semana das Artes Plásticas da Mariña Lucense celebrada na Sala de exposicións do Complexo Sargadelos de Cervo. Presentáronse as distintas actividades que se realizarán ao redor da figura de Quique Guerra, artista homenaxeado nesta edición, entre as que se atopan visitas guiadas á mostra que se levará a partir de abril ao Cenima de Foz dun total de once centros educativos da comarca da mariña, sufragadas pola Vicepresidencia da Deputación Provincial.

Nado en Mondoñedo e finado en Cervo no ano 2016, Quique Guerra foi un destacado artista pola súa obra escultórica e pictórica, que relaciona o natural coa historia dos obxectos. Foi quen de mesturar estas dúas disciplinas pasando do realismo á abstracción cunha coherencia de difícil encaixe, experimentando a través da verdade en todos os camiños escultóricos e pictóricos.

Despois da presentación en Cervo das distintas actividades, inaugurarase a obra do artista no Cenima de Foz, ofrecendo a oportunidade a preto de 2.000 escolares e profesores de 11 centros educativos da comarca de achegarse a este espazo para descubrir de primeira man a mostra e realizar obradoiros ao redor desta temática.

A vicepresidenta, Maite Ferreiro, expresou na presentación da sétima edición o agradecemento a entidades públicas e privadas que fan posible “esta data crucial xa no calendario anual, cun proxecto consolidado no mundo das artes e da cultura e que cada ano filtra máis á sociedade xeral, cunha aposta decidida, na que colabora a Vicepresidencia, de involucrar tamén á comunidade educativa da Mariña”.

Así, nos meses de abril e maio levarase a cabo un calendario de visitas para que o alumnado descubra a obra de Quique Guerra, como patrimonio que é xa de todas e todos o mariñáns, coñecendo a achega do seu traballo na contorna e as relacións emocionais coas sensibilidades da comarca.

Desde a área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo financiaranse preto de 30 desprazamentos en autobús para facer posible este proxecto de democratización das artes no eido educativo. As visitas ofrecéronse a todos os centros de ensino da Mariña a través de Tá en artes, colectivo organizador da exposición do artista Quique Guerra.

Os IES Dionisio Gamallo (Ribadeo), de Alfoz (O Valadouro), Vilar Ponte (Viveiro), San Rosendo (Mondoñedo) e Marqués de Sargadelos (San Cibrao) desprazaranse ao longo dos meses de abril e maio ao Cenima de Foz para ver a mostra, así como o Centro Ocupacional de Viveiro (ASPANAE) e os CEIP de Cervo, de Nois (Foz), Santa Rita de Galdo (Viveiro), Pedro Caselles Rollán (Xove) e a EEI San Roque (Viveiro).

0.15274906158447