Arquivada provisionalmente a causa polas gravacións de mulleres na Maruxaina de 2019

AMariñaXa
O xulgado de Viveiro conclúe que non existen indicios suficientes para identificar os responsables da captación e difusión das imaxes
maruxaina-manifestacion
14 Jan 2026

O Tribunal de Instancia de Viveiro, praza número 1, acordou o sobresemento provisional da causa aberta tras as denuncias presentadas por varias mulleres que asistiran á festa da Maruxaina, celebrada os días 10 e 11 de agosto de 2019 no municipio de Cervo. As denunciantes puxeran os feitos en coñecemento da xustiza logo de seren gravadas mentres ouriñaban na vía pública, unha situación provocada, segundo indicaron, pola insuficiencia de baños habilitados durante a celebración. Posteriormente, esas imaxes acabaron publicadas en diversas páxinas web de contido erótico.

A resolución xudicial atende á solicitude formulada pola Fiscalía, que interesou o arquivo do procedemento ao considerar que non existen motivos suficientes para atribuír os feitos a persoas concretas como autoras, cómplices ou encubridoras. No auto, a xuíza instrutora deixa claro que non cuestiona “nin o testemuño das denunciantes nin o sufrimento padecido”, e recoñece que os feitos investigados, ao vulneraren a intimidade das mulleres, merecen “un forte e xustificado reproche social”.

Porén, a maxistrada lembra que o sistema penal español se rexe polos principios de presunción de inocencia e de intervención mínima. Neste sentido, subliña que, ante a ausencia de indicios racionais e suficientes de criminalidade contra persoas determinadas e unha vez esgotado tanto o prazo de instrución como as vías de investigación dispoñibles, o único procedemento legal posible é o arquivo das actuacións.

No auto, contra o que cabe recurso, a xuíza destaca que se practicaron todas as dilixencias consideradas necesarias para esclarecer a natureza e as circunstancias dos feitos. Non obstante, esas investigacións non permitiron reunir probas suficientes para imputar a persoa que chegou a adquirir a condición de investigada, quen fora inicialmente escoitada como testemuña. A súa vinculación co caso baseábase en que o vehículo que alugara no aeroporto da Coruña aparecía nas gravacións e en que a vivenda da súa avoa se atopaba nas inmediacións do lugar dos feitos.

A instrutora considera insuficiente esta circunstancia para soster unha autoría, ao entender que é razoable que unha persoa estacione o seu vehículo preto do lugar onde se aloxa e que non o mova durante a celebración, especialmente tendo en conta que, segundo informou o Concello, unha vez accedido ao recinto festivo non se permite unha segunda entrada. Ademais, resulta, ao seu xuízo, incoherente que o suposto autor das gravacións deixase visible nas imaxes a matrícula dun vehículo alugado ao seu nome.

A xuíza tamén explica que todas as xestións realizadas para identificar outros posibles responsables, tanto da captación das imaxes como da súa posterior difusión, resultaron infrutuosas. Non foi posible vincular outros vehículos parcialmente identificables nos vídeos cos feitos investigados, nin establecer relación entre as gravacións analizadas e a romaría da Maruxaina de 2019. Tampouco deron resultado as actuacións dirixidas a identificar os responsables da publicación dos vídeos en páxinas web de contido erótico, incluída unha solicitude de asistencia xudicial internacional a Estados Unidos.

Á vista de todo o anterior, o xulgado decretou o sobresemento provisional da causa.

⚙ Configurar cookies
0.082002878189087