Arante incorpórase ao programa Preto de Ti co impulso do Concello de Ribadeo

A parroquia de Arante pasa a formar parte do programa Preto de Ti, unha iniciativa impulsada polo Concello de Ribadeo que promove actividades de benestar, formación e convivencia nas parroquias do municipio. Tras o parón das festas do Nadal, o programa retoma a súa actividade sumando novos espazos e participantes.
A concelleira de Benestar Social, Elena Sierra, salientou a satisfacción do goberno local por seguir ampliando o alcance desta proposta, que xa conta cunha ampla participación. Segundo indicou, na actualidade son 207 as persoas que toman parte nas diferentes actividades, que inclúen sesións de ximnasia, charlas sociosanitarias, manualidades, cursos formativos e obradoiros de memoria, entre outras opcións pensadas para fomentar o envellecemento activo e a socialización.
Desde o Concello subliñan que o obxectivo principal de Preto de Ti é achegar servizos e propostas de lecer ás parroquias, favorecendo que a veciñanza poida aprender, manter hábitos saudables e compartir tempo nun ambiente próximo. Neste senso, Elena Sierra destacou que o programa busca tamén reforzar os lazos comunitarios e ofrecer espazos de encontro nos que veciñas e veciños poidan relacionarse e gozar xuntos das actividades.
A incorporación de Arante supón un novo paso na consolidación desta iniciativa municipal, que continúa medrando coa intención de chegar ao maior número posible de parroquias ribadenses.