Aprobados os orzamentos de Ribadeo por preto de 10 millóns de euros
No pleno extraordinario celebrado onte no Concello de Ribadeo foron aprobados os orzamentos de 2022 que ascenden a case 10 millóns de euros. O concelleiro de Economía, Pablo Vizoso, subliñou que contemplan un elevado nivel de actividades e inversións sen subir impostos nin taxas e sen incrementar a débeda.
O edil ribadense dixo que “na tarde de onte celebrouse o pleno extraordinario no Concello de Ribadeo no que se aprobaron os orzamentos para o vindeiro ano 2022. Trátase duns orzamentos que ascenden a case 10.000.000 de euros para manter e mellorar o elevado nivel de actividades e de inversións no noso concello: dende reposición de rúas e camiños, saneamentos, investimentos en instalacións deportivas e en locais sociais, melloras enerxéticas, adquisición de terreos, apoio a asociacións de carácter cultural, deportivo ou asistencial, medidas e actividades de apoio ao comercio local e actuacións de protección social, que benefician a todo o pobo de Ribadeo. Tamén inclúen, por suposto, a subida salarial do persoal público e unha aposta moi forte pola inversión, xa que tendo en conta o proxectado para o ano 2022 para obras ou equipamentos e máis o que se está licitando nestas semanas para iniciar a súa execución dende primeiros do vindeiro ano, como é a senda ciclable ou as pistas multideporte, suman xa máis de 2.000.000 de euros nesta partida”.
Pablo Vizoso sinalou que “outra característica dos orzamentos é que se consegue chegar a estas magnitudes sen subir os impostos nin as taxas e sen incrementar o nivel de débeda do Concello, que nada ten que ver coa existente hai algúns anos e que condicionaban o seu día a día”.
O concelleiro de Economía contou que “por parte da oposición, concretamente o voceiro do PP, cualificou estes orzamentos de continuistas; e teño que dicirlle que é certo que o son, porque con moito orgullo continuamos incrementando a inversión, as actividades e continuamos apoiando ao tecido asociativo e comercial e atendendo e preocupándonos do ámbito social e asistencial. Do mesmo xeito foi necesario lembrarlle que, sobre a inversión no hospital asilo, o Concello mantén reservados exclusivamente para este fin os fondos da herdanza do doutor Moreda así como outros posibles recursos para atender esta importante reforma e adaptación do edificio e que é precisamente nos orzamentos da Xunta onde non figura nin un só euro para esta actuación a pesares de que se trata dunha competencia exclusivamente autonómica”.
Vizoso Galdo engadiu que “de forma semellante, sobre o anuncio dun centro de saúde para Ribadeo respondémoslle que os orzamentos recollen necesaria e obrigatoriamente inversións certas, precisas e comprometidas e non simplemente ideas. E que xa hai máis dun mes que lle trasladamos á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia a disposición plena do Concello de Ribadeo para traballar conxuntamente neste obxectivo e que seguimos á espera da súa reposta para poder analizar e determinar a mellor maneira de aportar os recursos do Concello aínda que, por desgraza, outra vez máis onde non se ven fondos consignados é nos orzamentos da Xunta, que precisamente é a que ten a obriga da prestación sanitaria. Mentres tanto, en representación do pobo de Ribadeo, esiximos que se dote ao actual centro de saúde dos profesionais sanitarios e dos medios técnicos que todas e todos nos merecemos e aos que temos dereito”.