Aprobado un crédito extraordinario en Cervo malia a discordia do edificio do Faro no Porto de Arriba
No Pleno extraordinario celebrado o 7 de setembro vense de aprobar un crédito extraordinario de 415.957,30 euros para a realización dunha serie de obras no termo municipal de Cervo.
"Calquera que vaia a Cervo, dáse conta de que tanto a avenida de Galicia como a rúa Xosé María Cao presentan un aspecto ruinoso desde fai moitos anos", din dende o PSOE de Cervo, que engade "xa era hora de que o Goberno local lle puxera remedio a esta situación".
Nesta sesión plenaria os socialistas pediron que se arranxase a rúa Xosé Mª Álvarez que tamén presenta un estado lamentable.
Sobre a reparación do Camiño de Verdellas e Saltos en Gondrás e da renovación da pavimentación do Camiño da Salgueiriña en Figuerido, "nada que dicir, estaremos sempre de acordo con mellorar a rede viaria e os camiños dentro do Concello. Temos pistas que arranxar, cunetas que abrir, camiños para adecentar en todos os burgos deste Concello, fagamos unha planificación seria e levémola adiante".
Dende o grupo municipal socialista plantexamos que nos orzamentos anuais figuren claramente as obras que se van acometer. Isto facilitará que "teñamos uns orzamentos transparentes e claros e non o batiburrillo orzamentario ao que nos teñen afeitos".
O punto da discordia neste Pleno foi o correspondente á demolición parcial do edificio do Faro no Porto de Arriba en San Cibrao. "Non entendemos por que mete este punto xunto cos outros tres no mesmo crédito extraordinario, cando a natureza da obra é tan distinta. Por isto, pedimos que se desligara este punto dos anteriores e se votara por separado; pero non foi posible", dixo a voceiro socialista Luján Ramos.
Ramos fixo varias preguntas sobre este punto que "non foron contestadas", como por que non se fai a demolición total do inmoble, se se vai a aproveitar este inmoble para outro fin diferente ao inicial, canto tempo vai estar este semiesqueleto no Porto de Arriba, etc.