Aprobado definitivamente o Plan Xeral de Foz tras seis anos de bloqueo urbanístico

A Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia vén de aprobar de forma definitiva e completa o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Foz, referendando así o acordo plenario adoptado polo Concello no pasado outubro de 2024.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, expresou a súa satisfacción por esta nova, cualificándoa como “un fito moi importante para o Concello”.
Cajoto lembrou que o Plan Xeral fora aprobado parcialmente no ano 2018, deixando en suspenso tres áreas clave: os terreos clasificados como urbanos entre a estrada N-642 e o ferrocarril, os solos urbanizables industriais do entorno do parque empresarial de Fazouro, e os terreos da parroquia de Cordido considerados solo de núcleo rural.
“A aprobación parcial do goberno anterior provocou un grave prexuízo aos veciños de Cordido, que desde aquela non puideron obter licenza para construír vivendas”, explicou o rexedor. “Desde o primeiro minuto que entramos a gobernar estivemos traballando para solucionar este bloqueo herdado”.
O proceso culminou con importantes avances nos últimos anos. En novembro de 2023, o Concello obtivo da entidade Augas de Galicia a ampliación do caudal do río Ouro, e en febreiro de 2024 logrouse a legalización da captación de auga en Cordido, un dos requisitos fundamentais para a aprobación definitiva do PXOM. A proposta levouse a pleno por primeira vez en xuño de 2024 e, tras realizar as correccións técnicas solicitadas, foi aprobada de novo en outubro.
Segundo declarou o alcalde, “este venres recibimos a comunicación formal da directora xeral de Urbanismo, María Encarnación Rivas, que nos confirmou a aprobación definitiva dos ámbitos que estaban pendentes. Agradecemos o seu compromiso e interese en resolver o expediente de Foz”.
Cajoto sinalou tamén que a orde será publicada proximamente no Diario Oficial de Galicia, o que permitirá activar de inmediato a concesión de licenzas para edificacións na parroquia de Cordido, así como o desenvolvemento do solo urbanizable no parque empresarial de Fazouro.
“Esta é unha moi boa nova para o noso concello”, concluíu o alcalde. “Permitiranos avanzar no crecemento residencial e económico de Foz, xerando novas oportunidades de emprego e mellorando a calidade de vida da nosa veciñanza”.