Aprobadas inicialmente as obras complementarias realizadas en Torrentes no Pleno de Burela

TerraChaXa | AMariñaXa
Aprobadas inicialmente as obras complementarias realizadas en Torrentes no Pleno de Burela
17 Nov 2020

No pleno extraordinario celebrado no Concello de Burela foron aprobadas inicialmente as obras complementarias realizadas en Torrentes xa hai tempo e tamén ampliar o prazo de presentación de alegacións  ao inventario municipal de bens ata o 17 de decembro. O alcalde, Alfredo Llano, sinalou que o proceso de Torrentes “é algo que nos tarda rematar, queremos telo listo o antes posible”.

O rexedor explicou que “hoxe tivemos un pleno extraordinario, na cal tratamos dúas cuestións que nos parecen moi importantes para Burela. Unha delas foi a aprobación inicial dunhas obras complementarias que se fixeron xa hai tempo na unidade de actuación de Torrentes e que consistían en instalar colectores de augas pluviais e residuais que fixeran un bo servizo para a cantidade de xente que se considera que pode haber o día de mañá nesa unidade de actuación. Esta cuestión estaba no xulgado, que obrigaba a que a xestión, a construción e o financiamento para facer esa obra foran do Concello por considerar que é unha obra de carácter xeral e non soamente da unidade de actuación. Había que facer un novo proxecto que recollera as obras que se fixeran, pero sobre todo a forma de sufragar os gastos. Entón xa se recoñeceu o enviado polo xulgado e si vamos facernos cargo dos gastos derivados desa obra. E hoxe o que fixemos foi a aprobación inicial do proxecto desa obra complementaria”.

Llano dixo que “o de Torrentes é algo que nos tarda rematar, é un proceso longo que se comezou xa hai tempo e queremos telo listo o antes posible. Agora ábrese un prazo de alegacións sobre isto e tamén se vai aprobar o proxecto de reparcelación. Estes dous procesos son fundamentais para poder entregar as separatas a cada un dos propietarios”.

O alcalde burelés seguiu a relatar que “outro punto foi alongar o prazo para presentar alegacións ao inventario municipal de bens, período que remataba mañá, 17 de novembro. Polas peticións que houbo de colectivos, de particulares e incluso de partidos políticos aprobamos hoxe por unanimidade alongar ese prazo un mes máis, ata o 17 de decembro. Xa houbo dous meses para que a xente tivese tempo de presentar as alegacións, pero cremos que debemos prolongar un mes máis ese prazo”.

BNG

Este luns levouse a cabo un Pleno extraordinario no Concello de Burela para dar cumprimento a sentenzas relacionadas coa Unidade de Actuación de Torrentes. Para o voceiro do BNG, Mario Pillado, “estamos en 2020, para dar cumprimento a unhas sentenzas de 2011 e 2012, mais logo o auto xudicial de 2015 e outra nova sentenza na mesma liña de 2016. Nin o goberno do PP de 2011 a 2015, que non se molestou en iniciar ningún trámite, nin o do PSOE de 2015 a 2019, ambos en maioría absoluta deron solución a este problema e agora nunha situación en minoría témolo que resolver á presa e correndo”.

Pillado comentou tamén que “entendemos que nos acordos de 2008 cando se aproba a o proxecto, que logo anulan os tribunais, se obrou en base a recomendacións de informes técnicos. Pero logo das sentenzas tanto o goberno do PP coma o do PSOE, actuaron igual, meteron o asunto nun caixón”. Con respecto a redacción do proxecto o portavoz nacionalista sinala que “en 2017, tras informe técnico, faise unha addenda ó novo proxecto, pero non se seguiu o procedemento que informou a secretaría que había que seguir. En 2019 os propietarios reclaman información ó concello, que responde en Setembro deste 2020, desencadeándose a situación que hoxe se debate”.

Os nacionalistas están fartos das irregularidades do pasado que saen a luz continuamente.

Para o voceiro do bloque “como vemos en case que tódolos plenos estamos afrontando expedientes moi pasados, cheos de irregularidades que provocan posturas e votos en función das consecuencias legais que iso pode provocar e non so dende un punto de vista político para ter unha postura que serva de axuda ó conxunto da veciñanza; porque para nos iso é facer política”.

Finaliza o voceiro do BNG, Mario Pillado, “estamos fartos destas situacións; non podemos estar en contra dunha sentenza firme, nin a favor do proceder do anterior goberno socialista, nin do PP, nin en xeral podemos estar conformes co proceder desde que se fundou o concello en 1995 porque se mirou mais polo interese particular que polo interese xeral da veciñanza”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.191321849823