Aprobada unha moción do BNG de Burela para reforzar a prevención e a xestión dos incendios forestais

AMariñaXa
A corporación municipal insta á Xunta a medidas inmediatas para evitar que se repita a vaga de lumes de agosto e setembro
PLENO-BURELA-2023
26 Sep 2025

Mario Pillado Mon, portavoz do Grupo municipal do BNG en Burela, presentou e conseguiu aprobar unha moción que busca impulsar unha política integral de prevención e xestión dos incendios forestais, despois da grave vaga de lumes que afectou a Galicia durante o pasado agosto. A moción, aprobada con 6 votos a favor e 5 abstencións (PP e Son Burela), céntrase en medidas estruturais e sociais para evitar que se repitan catástrofes deste tipo.

Segundo explicou Pillado, a desolación provocada pola vaga de lumes é “palpable en gran parte do territorio, especialmente nas comarcas de Ourense, e deixou feridas ambientais, sociais e económicas que esixen unha reacción inmediata e contundente”. O portavoz nacionalista destacou que, segundo o sistema europeo Copernicus, en agosto queimáronse máis de 143.000 hectáreas, cifras superiores ás ofrecidas pola Xunta, que situou o número en 108.411 hectáreas.

A moción do BNG propón a creación dun Fondo de Recuperación Económica, Social e Ambiental para compensar os danos, a posta en marcha dun Plan de Emprego Verde para a restauración das zonas afectadas, e a adopción dun modelo de monte multifuncional e resiliente fronte aos lumes. Tamén solicita duplicar os fondos de prevención, reforzar e profesionalizar os servizos de extinción, mellorar as condicións laborais do persoal, revisar o marco competencial en prevención e impulsar a revitalización socioeconómica do rural.

Pillado subliñou que “Galicia non pode seguir soportando políticas forestais fracasadas. É necesaria unha resposta inmediata e efectiva que poña por diante a protección da cidadanía e do territorio”. A moción tamén fai referencia ao incendio de 140 hectáreas ocorrido en Barreiros o pasado 14 de setembro, no que resultaron feridos cinco brigadistas, aos que o BNG desexou unha pronta recuperación.

⚙ Configurar cookies
0.089868068695068