Aprobada en Mondoñedo unha iniciativa socialista para a elaboración dun plan de axudas para maiores
A portavoz do Partido Socialista de Mondoñedo Esperanza González avanzou que o Pleno da Corporación aprobou por unanimidade no Pleno de xaneiro unha moción socialista para realizar un censo de persoas maiores de 65 anos que viven soas ou acompañadas tan só por maiores de 65 anos no noso concello. E unha vez realizado este censo que os servizos sociais do concello avalíen anualmente mediante visitas aos fogares censados a situación de dependencia desas persoas.
A voceira socialista lembra que nestes momentos no Concello de Mondoñedo, segundo as estadisiticas, hai máis de 1.300 maiores de 65 anos, o que supón o 35% da poboación total de Mondoñedo. “As persoas maiores merecen unha atención especial debido a súa situación, xa que cada vez necesitan máis axuda e requiren mais asistencia persoal e sanitaria. Por iso entendemos que debemos de deseñar as medidas necesarias para poder mellorar a súa calidade de vida, poñendo os medios necesarios e creando ou aumentando os servizos a nivel individual e social”, sinalou.
Nesta mesma proposta tamén se demanda que “unha vez se dispoña deses datos, e na medida do posible e da capacidade orzamentaria do Concello que se proceda a elaboración dun Plan de axuda para persoas maiores, co fin de deseñar e implementar as accións precisas para mellorar a súa cobertura social ante a situación de vulnerabilidade, desigualdade e desvantaxe na que se atopan”.
González Martín lembra que o Goberno da Deputación de Lugo achega 28.000 euros para atender a 60 usuarios do Servicio de Axuda ao Fogar, e a unha media de 36 usuarios no servicio de Teleasistencia completamente gratuíto. Mentres a Xunta de Galicia ten un servizo de Teleasistencia de copago e exclusivamente para persoas catalogadas como dependentes, que esperan meses e meses para ter esta prestación; dende a Deputación hai unha Teleasistencia gratuíta, para todos os veciños con limitacións en canto a súa autonomía. É dicir, sexan dependentes ou non.