Aprobada de forma definitiva a primeira fase da restauración ambiental da praia de Covas

O Concello de Viveiro vén de informar da publicación no Boletín Oficial do Estado do anuncio da aprobación definitiva da Fase I do proxecto de restauración ambiental da praia de Covas. Trátase dunha actuación promovida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Servizo Provincial de Costas en Lugo, que supera así o proceso de información pública desenvolvido nos últimos meses.
Durante este período, a cidadanía tivo acceso á documentación do proxecto e puido formular alegacións, un trámite previo á validación definitiva da iniciativa. A proposta de restauración estrutúrase en dúas fases diferenciadas, co obxectivo de ordenar os traballos e compatibilizar as obras co uso habitual da praia por parte da veciñanza e das persoas visitantes.
A fase que acaba de recibir luz verde céntrase na recuperación ambiental do sistema dunar da praia de Covas, un espazo de especial relevancia ecolóxica para o municipio. As actuacións previstas inclúen a eliminación de especies vexetais invasoras, a introdución de plantas autóctonas propias do ecosistema dunar e outras medidas orientadas a reforzar a estabilidade das dunas e favorecer a súa rexeneración natural.
Estes traballos constituirán o primeiro paso do proxecto global de restauración, sentando as bases para a protección a longo prazo deste entorno natural. Nunha segunda fase, que se abordará con posterioridade, quedará pendente a execución dos accesos á praia. Esta intervención planificarase unha vez completadas as actuacións ambientais iniciais, co fin de garantir unha mellora da accesibilidade de maneira ordenada e sostible.