Aprobada de forma definitiva a nova ordenanza da recollida de residuos en Lourenzá

O Concello de Lourenzá xa ten en vigor a nova ordenanza fiscal que regula a taxa polo servizo de recollida de lixo. A aprobación definitiva chegou tras o proceso de exposición pública, durante o cal non se presentou ningunha alegación ao acordo adoptado en maio polo pleno da corporación.
A normativa establece diferentes tarifas anuais en función do tipo de vivenda ou negocio. Os domicilios familiares e os aloxamentos turísticos con capacidade inferior a dez prazas deberán aboar 178,23 euros. Pola súa banda, as vivendas localizadas en zonas rurais terán unha cota reducida de 142,59 euros.
Os establecementos de hostalaría e hospedaxe tamén contan con tarifas específicas. Así, hoteis e apartamentos deberán pagar 477,42 euros, mentres que pensións, casas de hóspedes, colexios e centros de natureza pagarán 238,75 euros ao ano. Os bares e cafeterías sitúanse nesta mesma franxa, mentres que as tabernas terán unha cota anual de 144,39 euros.
En canto ao sector da alimentación, os supermercados e almacéns de froita ao por maior deberán aboar 478,35 euros, mentres que as pescaderías e carnicerías terán unha taxa de 238,75 euros anuais.
O cobro das cotas será trimestral e aplicarase de forma proporcional ao importe total establecido para cada tipo de actividade ou vivenda.