Aprobada a suspensión da taxa de terrazas para a hostalaría viveirense
O Concello de Viveiro informa que no Pleno celebrado o 11 de xaneiro aprobouse por unanimidade a proposta presentada polo goberno municipal para suspender durante o ano 2022 a aplicación das ordenanzas fiscais 13 e 6.
Este é o terceiro ano dende o inicio da pandemia no que se suspende a aplicación das ordenanzas fiscais número 13, reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público local con mesas, cadeiras e otros elementos análogos con finalidade lucrativa, e número 6, reguladora da taxa pola intervención municipal nas comunicacións previas, declaracións responsables e no outorgamento de licenzas de actividade, apertura ou funcionamento.
No que respecta ás terrazas, cómpre engadir que non só se lles exime do pago da taxa pola ocupación, senón que tamén poden amplialas aquelas que poidan e que cumpren o regulado na ordenanza.
“Dentro das nosas competencias municipais, temos que contribuír á recuperación económica e impulsar medidas de apoio a un sector moi afectado pola pandemia do coronavirus”, asegura a alcaldesa, María Loureiro.
Esta suspensión da ordenanza de ocupación de vía pública para a instalación de terrazas supón unha diminución de ingresos para o concello de arredor de 40.000 euros, mentres que a suspensión da ordenanza pola intervención municipal nas comunicacións previas, declaracións responsables e no outorgamento de licenzas de actividade, apertura ou funcionamento supón unha diminución de aproxidamente uns 10.000 euros.