Aprobada a solicitud para que a Xunta restaure na Mariña o servizo de gardapeiraos

TerraChaXa | AMariñaXa
Os socialistas piden á Xunta que restaure na Mariña o servizo de gardapeiraos. Burela e Celeiro tiñan asignados 5 gardapeiraos cada un
22 Xan 2021

Comisión de Pesca do Parlamento aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de Lei presentada polo PSdeG para esixirlle á Xunta que cubra as vacantes dos gardapeiraos asignados aos portos de Burela e Celeiro. A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, explicou que o procedemento para contratar aos 5 gardas que teñen asignado cada un dos portos comezou en xaneiro de 2020 e aínda non rematou.

Otero explicou que estes portos tan só teñen “3 ou 4” profesionais encargados das tarefas de gardapeiraos, que pasan polos controis de acceso, o control da circulación de vehículos e embarcacións. Estes traballadores deben ademais “velar pola seguridade dos empregados, usuarios, pasaxeiros e as mercadorías”, en virtude das novas atribucións asignadas pola Lei de Portos aprobada polo PP en solitario en 2017, que “lles engade o papel de axentes de seguridade”.

A responsable socialista trasladoulle hoxe ao goberno galego as demandas dos usuarios de dous dos portos máis importantes dos que xestiona Portos de Galicia, que asumen actividade pesqueira, tráfico de mercadorías e náutica de recreo. Actualmente “non se dota de persoal, non cobren as vacantes e os usuarios séntense indefensos, mentres Portos segue a cobrarlle as taxas aos armadores, ás lanchas recreativas e a tódolos usuarios destes portos”.

A escaseza destes profesionais nos portos de titularidade autonómica, continuou, provoca “riscos de roubos en determinados portos galegos, como sucedeu no de Ribeira, polo que continuamente están a denunciar falla de persoal e indefensión dos usuarios”.

Cumprimento

Patricia Otero esixiulle ao goberno galego que cumpra co mandato parlamentario, e advertiu que o propio portavoz do PP anunciara que o procedemento remataría “no primeiro semestre do ano”, co que, augurou a parlamentaria socialista, “estámonos situando como mínimo no mes de xuño para iniciar un procedemento aberto en xaneiro de 2020”.

Sinalou que “o importante é executar os compromisos, porque o demais será votar e non facer nada”, e puxo como exemplo as votacións a favor das dragaxes na Mariña, como é o caso do porto de Tupide, en Foz. Neste caso concreto, explicou, despois de ter aprobado unha iniciativa e da visita da presidenta de Portos in situ para anunciar que o tema estaba resolto, “atopámonos con que nos orzamentos deste ano hai 0 euros para facer a dragaxe”.

PARTIDO POPULAR

Pola súa banda, o deputado do Grupo Popular Daniel Vega afirmou hoxe no Parlamento que a Xunta, a través de Portos de Galicia, está a ultimar a relación de portos de traballo cos representantes dos traballadores co obxectivo de que estea en vigor nas vindeiras semanas. “Deste xeito, incorporaranse  a este cadro de persoal un xefe de gardapeiraos en Burela e un novo gardapeiraos para o porto de Celeiro, dotando de máis servizos e máis seguridade aos nosos portos e dando resposta ao sector pesqueiro da Mariña”, sinalou.

Daniel Vega asegurou que “somos coñecedores das demandas dos usuarios e por iso a Xunta está a cubrir estas vacantes”. “Portos de Galicia leva traballando nesta relación de postos de traballo varios meses e agora será consultado cos representantes dos traballadores”, engadiu.

No caso concreto do gardapeiraos de Celeiro, o deputado popular explicou que “estase a cubrir a única vacante existente e con todos os procedementos legais aplicables”. “En conxunto, estanse a dotar dúas novas prazas dentro da futura RTP de Portos de Galicia que suporán unha maior atención aos portos da zona da Mariña lucense”, dixo.

0.35898399353027