Aprobada a regulación do tráfico no casco antigo de Viveiro

TerraChaXa | AMariñaXa
8 Feb 2019

No Pleno de Viveiro todos os grupos aprobaron a ordenanza sobre a regulación do tráfico no casco antigo, unha norma "necesaria pola seguridade dos peatóns e para preservar o centro", dixo a alcaldesa, quen recordou que agora haberá diferentes permisos para residentes, comerciantes e transportistas.
Desde o PP agradeceron que se traballe na norma desde o seu primeiro intento de aprobación no verán, para facer unha ordenanza efectiva e práctica. Os demais grupos tamén puxeron en valor a colaboración para ordenar o tráfico rodado no casco antigo da vila e limitar cada vez máis a presenza de vehículos.
Os donos de establecementos comerciais e empresas de transporte de mercancías terán un horario de carga e descarga de 9.00 a 12.00 horas, en días laborables, cun máximo de 30 minutos. A ordenanza afectará as rúas travesía da Mariña, avenida de Galicia, avenida de Cervantes, praza Juan Donapetry, rúa Nicolás Cora Montenegro, avenida García Dóriga e praza de Lugo.
No tocante ás entradas e saídas, establécese un acceso prioritario ao casco vello pola rúa Maruja Mallo, e outro excepcional por Irmáns Vilar Ponte, que será a vía principal para saír do centro histórico.
Ademais, tamén se poderá abandonar a zona vella por Maruja Mallo, Margarita Pardo de Cela ou Pastor Díaz, no caso de que os vehículos teñan estas rúas como destino.
Respecto ás sancións por infraccións, mantéñense as multas estipuladas no borrador de agosto, que van dos 100 aos 800 euros en función da gravidade das faltas. As máis graves fan referencia á falsificación de permisos para poder entrar no casco.
 
 
 

0.16793584823608