Aprobada a proposta do PP de Viveiro sobre a instalación de puntos de recarga eléctricos
O Grupo Municipal do PP de Viveiro conseguiu sacar adiante no pleno da corporación local a súa proposta para que o Concello instale, polo menos, un punto de recarga para vehículos eléctricos nas zonas máis poboadas do municipio como son Viveiro, Covas e Celeiro, ademais doutro en Aparcamientos A Mariña.
A iniciativa contou co apoio dos concelleiros populares e de Por Viveiro, mentres que o BNG e o PSOE se abstiveron. É por iso polo que os populares temen que “esta iniciativa quede no esquecemento, coma tantas outras aprobadas en pleno ao longo deste mandato que non foron postas en marcha”.
A iniciativa que presentaron os populares “con ilusión e perfectamente documentada e argumentada” recollía dúas posibilidades que permitirían minimizar o gasto ao Concello: solicitar axudas dentro do Plan MOVES coas que subvencionar o 70% dos gastos de adquisición de puntos de recarga eléctrica ou sacar a concurso a prestación do servizo de forma que a empresa adxudicataria o xestione e pague un canon ao Concello.
A corporación municipal xa aprobara en febreiro do 2020 unha iniciativa do Grupo Municipal do PP para promover o transporte sostible e a instalación de puntos de recarga en distintas zonas de Viveiro. “Nese momento o goberno local tamén se abstivera afirmando que xa estaban facendo xestións ao respecto, pero vemos que máis de dous anos despois seguimos sen este servizo. Un servizo -apuntan- útil para os veciños que xa dispoñan ou estean interesados en empregar vehículos que precisen recarga eléctrica; pero que tamén podería constituír un recurso máis para atraer visitantes a Viveiro”.
Viveiro, paralizado e sen evolucionar
O voceiro, Óscar Rodríguez, sinala que “de non levarse a cabo esta iniciativa, o goberno local socialista estaría acentuando a catarse de Viveiro, paralizado por completo e sen evolucionar”. Así o manifesta tendo en conta que “Viveiro é o municipio da Mariña máis poboado; pero, en cambio, outros concellos da comarca si que teñen xa implantado este servizo apostando por adaptar o consumo enerxético na liña da loita contra o cambio climático”.
Co obxectivo de evitar o estancamento do concello, os populares de Viveiro “estaremos reclamando, neste tempo que queda de mandato, o cumprimento dos acordos aprobados polo pleno municipal e que, na súa gran maioría, están sen facer”.
Isto débese, segundo Rodríguez, a que “se trata, na súa gran maioría, de iniciativas do noso Grupo Municipal, que é o que protagoniza a actividade plenaria co seu traballo”. E, engade: “a pesar de que os outros grupos aprobaran un regulamento para limitar a unha única moción e un máximo de tres rogos ou preguntas en cada sesión plenaria por cada grupo para “minorar o noso ritmo de traballo” e, polo tanto, “o efecto do Partido Popular en Viveiro”.