Aprobada a licitación do proxecto de saneamento e depuración de augas en Barreiros

O Consello de Administración da sociedade estatal Aguas de las Cuencas de España (ACUAES), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, vén de dar luz verde ao prego e á licitación do contrato de asistencia técnica para elaborar o estudo de alternativas, os informes ambientais e o proxecto construtivo do novo sistema de saneamento e depuración de augas residuais de Barreiros.
O contrato, cun orzamento de 422.830 euros, contempla un prazo máximo de dez meses para o desenvolvemento dos traballos. O documento aprobado recolle tanto o alcance como as condicións técnicas e organizativas que guiarán a redacción do proxecto, paso imprescindible antes da execución definitiva das obras.
Entre as actuacións previstas figura a construción dunha nova estación depuradora en San Miguel de Reinante, así como a reconversión das actuais EDAR de Santiago de Reinante e Sarxende en estacións de bombeo de augas residuais. Estas instalacións derivarán o caudal excedente cara á nova depuradora, incorporando ademais un tratamento previo de sólidos e graxas e un tanque de tormentas para regular os caudais en épocas de choiva.
Tamén se proxectan un novo colector de gravidade e unha impulsión de augas residuais para canalizar os vertidos desde a nova estación de bombeo de Reinante ata a EDAR. A previsión é investir arredor de oito millóns de euros (sen IVE) nestas infraestruturas, destinadas a cubrir as necesidades actuais do municipio en materia de depuración e a garantir un crecemento urbanístico sostible.
Para facer posible a execución do proxecto será preciso formalizar un convenio de colaboración entre ACUAES e o Concello de Barreiros, no que se establezan as condicións de financiamento, execución e explotación da actuación.