Aprobada a iniciativa para cubrir prazas no Centro de Saúde de Foz

Foz
AMariñaXa
O Parlamento aprobou a iniciativa para cubrir as prazas de medicina de familia, enfermaría e odontoloxía no Centro de Saúde de Foz.
centro saude foz
20 May 2022

O Parlamento de Galicia aprobou a iniciativa socialista para cubrir as prazas de medicina de familia, enfermaría e odontoloxía no Centro de Saúde de Foz. Ocorreu, na Comisión de Sanidade do Parlamento, onde o PSdeG defendeu unha iniciativa para incorporar persoal de diversas especialidades neste centro de saúde, cuxa votación se realizou por puntos e á que o PP se opuxo parcialmente.

“A Xunta fai oídos xordos e caso omiso ás demandas da veciñanza de Foz”, criticou a socialista, ao lamentar as “enormes carencias” en Atención Primaria que “se levan denunciando varios anos” en diversos concellos da Mariña, como Foz, A Pontenova, Ourol ou Viveiro. Así, lamentou a “inacción” do Executivo autonómico que continúa cunha “política errática en materia de persoal”. 

Neste sentido, Otero censurou que “dende hai moito tempo” están sen cubrir dúas das oito prazas de medicina de familia que ten asignadas o centro, catro prazas de enfermería cuxos profesionais están de baixa e a praza de odontólogo, tamén de baixa, o que repercutiu de forma directa na calidade asistencial do centro.

PEDIATRA A TEMPO PARCIAL E SEN MATRONA

Ademais, lamentou que “continúa sen cubrirse, despois de varios anos, a redución de xornada do pediatra”, tendo en conta que este servizo “presta atención non só aos nenos e nenas de Foz, senón tamén aos dos concellos de Alfoz e O Valadouro”.

Doutra banda, o centro “segue sen ter matrona”, xa que “o Sergas negase a crear esta praza”, sinalou, un servizo que atende a atención ao embarazo, parto e puerperio, pero tamén os supostos de atención precoz do cancro de cérvix, atención da saúde sexual e mesmo enfermidades “invisibilizadas e minusvaloradas” como a endometriose.

A todo isto hai que engadirlle, sinalou, “outros dous recortes por parte do Sergas cara á veciñanza da comarca da Mariña”, como foron a supresión do segundo técnico de Emerxencias Sanitarias da ambulancia medicalizada e a eliminación do servizo 24 horas da ambulancia asistencial con base en Foz, servizos “fundamentais” nunha comarca “tan extensa e dispersa”.

O PP VOTA EN CONTRA DE CATRO DOS CINCO PUNTOS DA PROPOSICIÓN NON DE LEI

Porén, máis alá de cubrir as prazas de medicina de familia, enfermaría e odontoloxía, a socialista urxiu ao Executivo autonómico que cubra a redución de xornada do pediatra, cre unha praza de matrona, recupere o servizo 24 horas de ambulancia asistencial con base no municipio e repoña o segundo técnico de emerxencias sanitarias da ambulancia medicalizada, pero o PP votou en contra de todas estas iniciativas.

“É de xustiza e algo polo que debe traballar a Xunta”, sentenciou a socialista, xa que “gozamos de excelentes profesionais, pero non dunha boa política sanitaria”. “Deixen de botar balóns fóra e póñanse dunha vez a traballar na mellora da atención primaria”, concluíu, xa que “o Sergas non está a cumprir”.

0.16220188140869