A piques de rematar o asfaltado da estrada que vai desde A Puída ata o Monte Castelo

AMariñaXa
A piques de rematar as obras de asfaltado da estrada que vai desde A Puída ata o Monte Castelo, no Concello de Burela
estradas burela a puida monte castelo
9 Xul 2021

Están a piques de rematar as obras de asfaltado da estrada que vai desde A Puída ata o Monte Castelo. O alcalde, Alfredo Llano, anunciou que tamén se realizarán melloras nas inmediacións do punto limpo, da antiga Edar e do cemiterio. O rexedor lembrou que este vieiro estaba moi deteriorado.

Alfredo Llano dixo que “agora mesmo están case finalizadas as obras de asfaltado desde A Puída ata o Monte Castelo, que está acometendo a Deputación de Lugo a petición do Concello de Burela. Pensamos que era moi necesaria, sobre todo o asfaltado desde o cemiterio ata o Monte Castelo dado que xa estaba moi deteriorado, levaba anos sen facerse unha reposición. E ademais circulan por esa estrada unha gran cantidade de vehículos, incluso pesados da madeira e doutra índole. Esperemos que vaia para unha boa tempada”.

O alcalde burelés engadiu que “tamén imos asfaltar o acceso ao punto limpo e onde estaba a antiga Edar. Vaise actuar un pouco diante do cemiterio cubrindo os baches e vaise adecentar toda aquela zona aproveitando que están aquí as brigadas de obras da Deputación. Era unha cuestión que xa estaba demandada e facía tempo que queríamos executalo. Non soamente fixemos o asfaltado senón que ampliamos certas zonas do Monte Castelo, sobre todo na área recreativa onde hai mesas para poder xantar”.

Llano agarda que “con esta actuación agora a xente se anime a subir ao Monte Castelo, que pensamos que é un atractivo extraordinario para Burela e que o use moita xente porque para iso está”. 

0.19820499420166