Apaga Ribadeo realizou 12proxectos Erasmus+
En sete anos Apaga desenvolveu 12 proxectos Erasmus+ nos que participaron 380 profesores e 134 alumnos e alumnas. Na actualidade ten 4 activos e en marzo darán comezo as saídas a varios países da ue e en abril chegará a Ribadeo profesorado de Croacia e Turquía
Un total de 380 profesores e 134 alumnos e alumnas realizaron formación en países da Unión Europea, grazas ao programa Erasmus + no que participa a Asociación de Profesores de Automoción de Galicia, con sede en Ribadeo, desde o ano 2014. Desde entón foron 12 os proxectos desenvolvidos.
Para Álvaro Doural, presidente de Apaga, “é moi importante a labor de acollida de alumnado e profesorado doutros países que visitan empresas da zona e os rapaces realizan prácticas nesas firmas. A presenza de Apaga en 20 países da Unión Europea (Italia, Portugal, Francia, Turquía, Croacia, Bulgaria, Grecia, Romanía, Lituania, Letonia, Alemaña, República Chega, Dinamarca, Holanda, Finlandia, Eslovenia, Polonia, Estonia, Suecia e Eslovaquia) supón un elemento clave para dar a coñecer a nosa comarca e moi especialmente Ribadeo”.
Neste 2022 chegarán a Ribadeo profesores de Croacia e de Turquía. Será nos meses de abril e maio. “As mobilidades de alumnado e profesorado noso serán constantes desde marzo ata a xuño e logo outra vez en setembro e outubro. Os fluxos de mobilidade serán continuos”, segundo Doural.
A Unión Europea concedeulle a Apaga a acreditación Erasmus+ no ámbito da Formación Profesional para o período comprendido entre 2021 e 2027: “esa acreditación permítelle á nosa asociación dispor dos fondos económicos necesarios para realizar as mobilidades de alumnos/as e profesores/as”.
A finais de 2021 rematou o proxecto denominado Calidade, Eficiencia e Cooperación na FP “que permitiu que 40 profesores realizaran mobilidades de formación en Portugal, Turquía, Croacia, Italia, República Checa e Francia e 18 rapaces fixeron prácticas en Italia, Portugal e Croacia”.
Na actualidade Apaga ten activos 4 proxectos europeos: Internacionalización, sostibilidade e motivación para o coñecemento; Acreditación da mobilidade; Inclusión e empregabilidade a través da tecnoloxía do vehículo eléctrico; e Formación de aprendices de calidade, sostible, eficaz e con inclusión social.
Álvaro Doural amósase satisfeito dos resultados acadados con Erasmus+: “hai moito traballo detrás de cada proxecto, pero os resultados son moi bos. En plena pandemia tivemos alumnado en países como Italia e como Portugal, algo que para eles lles supuxo e lles supón un valor engadido á formación que reciben nos centros de ensino, xa que coñecen outras culturas e outras formas de traballar”.