Apaga retoma as mobilidades europeas de alumnado e profesorado

AMariñaXa
Apaga retoma as mobilidades europeas de alumnado e profesorado desde agora e ata finais de ano
alumnos practicas apaga portugal
14 Out 2022

Apaga retoma as mobilidades europeas de alumnado e profesorado desde agora e ata finais de ano, segundo da a coñecer o presidente da asociación, Álvaro Doural. Dous alumnos realizan prácticas en Portugal e un en Croacia. Ademais a vindeira semana chegarán á Mariña dous docentes turcos que visitarán empresas e centros de ensino tanto en Galicia como en Asturias. 

Doural conta que “os dous profesores turcos van estar aquí dez días con nós. Chegarán o 18 e a actividade está centrada na visita a centros educativos e a empresas do sector. Van estar en Otelec, que se dedica á electricidade e está no polígono industrial de San Cosme de Barreiros; van ir ao IES As Mariñas, de Betanzos, onde tamén verán empresas do sector eléctrico e electrónico, que é da especialidade da que son estes dous profesores; e tamén van facer unha visita ao Centro Integrado de Formación Profesional de Avilés, onde van estar toda a xornada e aproveitarán para ver empresas. Estamos a contactar tamén para intentar que vaian a Astilleros Gondán e a Hermanos Rega, onde se aproveitaría para que vexan tamén o serradoiro de Rubal e Finca Galea”.

O presidente de Apaga subliña que “o centro do que veñen estes profesores é socio noso desde hai moitos anos e entón imos intentar volcarnos todo o posible. Levan colaborado con nosoutros desde hai anos e precisamente vamos iniciar con eles un proxecto novo, de innovación, no 2023”.

A actividade de Apaga non para: “ata finais deste ano isto vai ser actividade continua de mobilidade con varias saídas: a Turquía, a Italia, a Croacia, a Suecia, a Portugal,… Aproximadamente 40 profesores van realizar mobilidades noutros países da Unión Europea. Neste momento temos tamén a dous alumnos en Portugal, nunha empresa, e outro en Croacia. E ademais van saír outros a Portugal nos mes que vén”.

E engade que “polo tanto neste momento estamos cunha intensidade de traballo tremenda porque tíñamos moitas cousas acumuladas pola pandemia e entón a ver se de aquí a finais de decembro lle damos saída a todo isto”.

0.18656992912292