Apaga porá en marcha o proxecto formativo Aula invertida
A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia, con sede en Ribadeo, porá en marcha en xaneiro un proxecto formativo aplicando unha nova tecnoloxía, que se chama de aula invertida. O alumnado poderá formarse durante a semana na súa casa a través das plataformas de Apaga e a fin de semana asistir ás clases prácticas. Álvaro Doural, o presidente do colectivo, anima ás empresas a enviar propostas de formación co obxectivo de poder satisfacer as súas necesidades laborais.
O presidente Apaga, Álvaro Doural, anunciou que “a partir de xaneiro empezaremos con outro proxecto formativo, que creo que é sumamente interesante e consiste na aplicación dunha nova tecnoloxía, que se chama de aula invertida. Vai haber un reforzo importante de toda actividade formativa que estamos facendo neste momento utilizando novas tecnoloxías: as nosas plataformas de formación e de videoconferencias e a utilización de ferramentas como o libro electrónico”.
Doural subliñou que “con isto vamos conseguir incrementar o número de horas de formación e que as actividades que se fagan en Ribadeo, ou noutro lugar, serán eminentemente prácticas porque a parte conceptual e de teoría vaise facer con esta nova tecnoloxía e as persoas que veñan participar nelas van ter xa previamente unha formación importante sobre a temática do curso”.
O presidente de Apaga contou que “isto vai ter un custe económico similar ao que teñen as actividades que son soamente presenciais. Polo tanto a aquela persoa que veña non lle vai supoñer un custo engadido”.
Álvaro Doural pensa que “é unha nova opción moi interesante, especialmente para a xente que está traballando e que pola semana non pode asistir, pero desde a súa casa poderá introducirse para facer a formación teórica e despois a fin de semana levar a cabo a actividade práctica. É un novo proxecto de formación que se está experimentando nunha iniciativa europea sobre os aprendices, seguindo directrices da Unión Europea, que está moi interesada na formación de aprendices”.
E engadiu: “creo que podemos aproveitar este recurso aquí, na Mariña de Lugo, e estamos abertos a escoitar propostas; de feito xa recibimos algunhas de empresarios, que queren que lles axudemos na formación. Estamos dispostos para calquera tipo de colaboración, sempre dentro das nosas posibilidades, pero eu penso que unindo forzas podemos saír adiante”.