Apaga participa actualmente en cinco proxectos europeos de formación
A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia está a participar en cinco proxectos europeos de formación, dous de mobilidade e tres de innovación. Neste momento un grupo de profesores e de alumnos están a recibir formación en países como Italia, Croacia ou Portugal. O presidente de Apaga Álvaro Doural, subliña o apoio e recoñecemento que o Ministerio de Educación lle está a ofrecer á asociación. E fai unha chamada á poboación para que se conciencie da gravidade da pandemia do covid, que lle está a afectar a todos os sectores da sociedade, incluído o do ensino. O presidente de Apaga aludiu a países como Suecia ou Finlandia que non admiten a presenza de españois nestes proxectos formativos europeos.
Álvaro Doural sinalou que “estamos a participar en cinco proxectos europeos neste momento. A verdade é que estamos tendo un respaldo importante do Servizo Internacional do Ministerio de Educación, se nos está valorando o noso traballo e temos a carta de mobilidade de Formación Profesional, que soamente hai cen institucións a nivel do Estado que teñen esa acreditación”.
O presidente de Apaga explicou que “temos un proxecto de innovación sobre vehículos eléctricos. Aproveito para informar que temos un curso online de vehículos eléctricos, impartido por un enxeñeiro, que ten unha grande calidade. A xente que queira facelo pode poñerse en contacto con nosoutros a través do noso correo electrónico apagaribadeo@gmail.com. Penso que é un curso que todo o mundo que está no sector do automóbil debería facer xa”.
Doural seguiu a relatar que “neste momento temos xente en Italia, que está nunha situación moi boa na zona de Breschia, xente en Croacia que tamén está sen ningún tipo de problema e outra xente en Oporto tamén facendo a súa estadía formativa”.
O presidente da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia agarda “poder seguir avanzando, pero encontrámonos que neste momento, con todo isto que está pasando no noso país, temos o carteliño case de apestados. Hai países que non nos deixan xa entrar como é o caso de Suecia, Finlandia ou outros. Todo o que está pasando temos que darnos conta que está repercutindo en moita xente, entre eles a nós. Temos moitas accións paradas, moitas sen executar, entre que non se pode e que hai xente que ten medo a saír, aí estamos”.
Para Álvaro Doural “a situación é moi complexa para todo o mundo. Eu aproveito unha vez máis para pedir que a xente teña responsabilidade e actúe como están indicando as autoridades sanitarias, porque todos estes desmadres que está habendo nos están repercutindo a moita xente, non soamente á hostalería, senón tamén a outra xente. Entón sexamos serios e capaces de mirar polo país que ao final somos todos, as empresas e todo o mundo”.