APAGA lanza o seu plan de formación 2025 con 20 cursos especializados en automoción

AMariñaXa
A programación está aberta a docentes, estudantes de FP, técnicos do sector e persoas interesadas no mundo do motor
formacion-profesional-automobil-APAGA-Ribadeo-2024
25 Mar 2025

A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA) pon en marcha o seu plan de formación 2025, unha iniciativa que busca ampliar coñecementos e impulsar a empregabilidade no sector do automóbil. A programación, aberta a profesores, alumnado de formación profesional, técnicos de empresas e afeccionados ao mundo do motor, contará cun total de 20 cursos que se impartirán durante as fins de semana.

Cada formación estará estruturada en 16 horas presenciais, con carácter eminentemente práctico, e 20 horas adicionais de formación en liña. Os cursos desenvolveranse en horario de 10:00 a 20:00 horas. Segundo explican desde APAGA, este plan non só está pensado para mellorar a cualificación dos profesionais do sector, senón tamén para ofrecer unha oportunidade de formación a mozos e mozas que quedaron apartados do sistema educativo por diferentes circunstancias, como o abandono ou o fracaso escolar. Ademais, preténdese dar resposta á alta demanda de técnicos por parte das empresas do sector da automoción.

A participación nestes cursos non require coñecementos previos, só interese e ganas de aprender. A oferta formativa abrangue soldadura (TIG-MIG/MAG-Electrodo), aerografía, pintura de carrocerías, preparación de superficies, bancada, acendidos, motores, electricidade no automóbil, sistemas auxiliares de motores, vehículos eléctricos, son, esquemas eléctricos, carga e arranque, diagnose de vehículos, aparatos de medida, manexo de osciloscopio, sistemas ADAS, freos, suspensión e dirección, así como hidráulica e pneumática.

O primeiro curso, centrado na electricidade no automóbil, terá lugar os días 12 e 13 de abril. Para máis información e inscricións, as persoas interesadas poden contactar a través do correo apagaribadeo@gmail.com ou chamando ao teléfono 639 884 945.

⚙ Configurar cookies
0.64089584350586