Anxo Cao: Da costa de San Cibrao a fotografar os océanos do mundo

Por Ana Somoza.
Nacido en San Cibrao, de que maneira inflúe a paisaxe e o entorno do norte de Galicia na túa forma de mirar e fotografar a natureza?
Desde pequeno sempre me gustou ir polas poceiras a pescar e ir no bote con meu pai, igual que agora. Polo que o mar e a paisaxe da costa sempre estivo moi presente. Supoño que este entorno lévate a querer buscar a beleza que pode estar aí gardada, xa sexan baleas en alta mar, ou un cangrexo na praia de Cubelas.
Es fotógrafo, pero tamén biólogo e apicultor. Como dialogan estas tres facetas á hora de afrontar un proxecto fotográfico?
Hai que buscar un punto de equilibrio, aínda que non é sinxelo. Posiblemente si me dedicase mais a unha sola faceta, teño que restarlle tempo a outra, aínda que creo que as tres cousas con compatibles e comparten fundamentos como a admiración pola natureza e o coidado do medio ambiente. Son cousas moi diferentes pero creo que son compatibles.
A bioloxía dáche unha perspectiva mais ampla de como funciona un ecosistema, entender que para que haxa sardiñas, é necesario que tamén haxa baleas e golfiños, aínda que pareza contraditorio. E a apicultura ensínache a importancia de cada individuo para o futuro do grupo e do ecosistema, por moi pequeno que sexa. Para min a fotografía é a ferramenta de como transmitir isto e intentar que mais xente o admire e o comprenda.

Fotografaches desde xigantes como as baleas azuis ata seres tan pequenos como as abellas. Que che ensinan uns e outras sobre o equilibrio dos ecosistemas?
Cambian os tamaños, e tamén as complexidades das especies, pero ao final todo é moi parecido, aínda que menos evidente quizais. As abellas son necesarias no campo igual que as baleas no mar. Ambas especies xogan un papel fundamental que equilibra a base da cadea trófica. Os polinizadores son completamente necesarios para o resto de especies, e para que o equilibrio funcione, é sinxelo entender que sen flores non hai froitos e sen froitos non hai comida para moitas especies. No caso das baleas, tamén xogan un papel base no ecosistema, en gran parte, son as encargadas da distribución dos nutrientes en mar aberto, o que xera unha maior produción primaria de fitoplancto, e acaba por enriquecer aos ecosistemas desde a base. Abellas e baleas son especies clave e imprescindibles nun ambiente saudable, igual que o resto.
Nas túas imaxes percíbese unha clara intención divulgativa. Consideras a fotografía unha ferramenta eficaz para educar e concienciar sobre a biodiversidade?
Creo que todos recordamos a persoas que conseguiron grandes beneficios na protección da vida salvaxe a través de imaxes e documentais. Si non fora por Rodríguez de La Fuente, por Jacques Cousteau ou por Jane Goodall o mundo sería mais pobre. E conseguírono simplemente mostrando a beleza e o impresionante que o mundo salvaxe é. Sen dúbida a divulgación e a intención de mostrar eses secretos e importancia das especies é necesario. A mellor forma é apoiarse na ciencia e a bioloxía, e unha cámara é unha forma fácil que todos podemos usar.
Azores: oasis atlántico propón unha viaxe visual ao corazón do océano. Que ten este arquipélago para se converter no eixo desta nova mostra?
A miña vida está ligada a Azores desde 2016, cando fun acabar os meus estudos aló. Desde entón veño traballando como guía en empresas de avistamento de cetáceos, o que me levou a saír cada día ao mar con unha cámara, e presenciar momentos únicos. A biodiversidade e condicións destas illas permite ver unha gran variedade de especies, e sobre todo cetáceos. Pouco a pouco o meu interese persoal pola fotografía levoume a tomalo un pouco mais en serio e conseguir ter un lugar en concursos internacionais ou conseguir publicar na National Geographic este ano. A exposición pretende ser unha homenaxe a esta riqueza de fauna mariña do océano Atlántico.
A exposición combina rigor científico cunha marcada aposta estética. Como se equilibra a precisión biolóxica coa procura de imaxes que emocionen ao público?
Creo que as dúas cousas teñen que ir unidas. A ciencia non ten por que ser aburrida ou en branco e negro. E estou convencido que todos preferimos aprender sobre algo, con imaxes agradables. Creo que a fotografía que chame a atención e faga que esa persoa se deteña a ler unha páxina ou un artigo científico ten aínda mais valor. Incluso con imaxes duras ou de momentos difíciles, a estética ten que estar presente para poder captar a atención e poder transmitir unha mensaxe.
A fotografía subacuática require técnica, paciencia e respecto polo medio. Cal foi o maior reto ao traballar baixo a auga neste proxecto?
En un traballo así a loxística e material son temas complicados e importantes. Temos que pensar que son necesarios diferentes permisos para poder chegar a entrar na auga con un cachalote ou voar un dron. E unha vez que temos toda a parte burocrática, é necesario saír ao mar. No meu caso tiven a axuda de moitas persoas, empezando pola empresa onde traballei varios anos, Futurismo Azores Adventures, que dispoñibilizou a embarcación, pasando polo patrón, Rafael Martins, ou biólogos que foron a bordo do barco como Margarida Rolim ou Laura González. Outra parte importante para conseguir un traballo de calidade é o equipo, moi específico e extremadamente caro. Neste aspecto teño que agradecer a Nikon España, DJI e Aquatica pola axuda co material. Ao final, é un traballo en equipo onde tes que confiar en mais persoas e ter paciencia.
Moitas das especies que retratas están ameazadas ou son pouco coñecidas. Que reacción agardas provocar no espectador ao atoparse con estas imaxes?
Si consigo que as persoas descubran unha nova especie, ou algunha característica nova sobre elas, xa é un éxito. Hoxe en día é moi difícil sorprender ao público, sobre todo á xente nova que ten acceso a infinitas fotografías e vídeos nas redes sociais. Pero nas redes falta o trato persoal, o poder preguntar e conversar. Espero que na inauguración a xente poida lanzar esas dúbidas e obter esas respostas mais reais que nas redes.
Vivimos un momento de crecente preocupación polos océanos. Desde a túa experiencia, que papel pode xogar a arte na defensa e protección do medio mariño?
Creo que é unha parte crucial para provocar ese interese e reacción das persoas. Grandes fotografías de vida salvaxe ganaron premios como o World press photo, un concurso de denuncia. Pero non nos esquezamos que o papel fundamental son as políticas, con base na ciencia. Todos temos que ser críticos e entender que o noso estilo de vida ten que mudar, senón, a saúde dos océanos seguirá empeorando, e seguiremos perdendo especies, incluso antes de coñecelas. Este ano prohibiuse a pesca do salmón en Galicia, unha boa noticia, pero posiblemente chega tarde. Ao mesmo tempo séguese pescando meixóns, cando é unha especie en perigo crítico de extinción, por motivos económicos. Hai que ser valentes en temas tan graves como a saúde do planeta e dos mares, os políticos teñen que tomar medidas importantes e pouco populares baseadas na ciencia, e os cidadáns temos que exixírllelo.
Despois de Azores: oasis atlántico, en que novos proxectos ou territorios che gustaría seguir explorando a relación entre fotografía e natureza?
Gustaríame fotografar e filmar en Galicia, creo que a beleza da nosa terra e mar é igual o superior a eses lugares tropicais que sempre vemos nos documentais. Gustaríame intentar fotografar especies que temos cerca da casa de unha forma que a xente lles prestase mais atención e respecto. Porque nada ten que envexar unha donicela a un león do Masai Mara, ou unha patamariña dos Farillós a un albatros da Antártida.