Anuncian que a DXT instalará máis balizas para mellorar a seguridade viaria no Fiouco
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou de que o Ministerio do Interior vén de licitar un proxecto da Dirección Xeral de Tráfico para aumentar a seguridade viaria na autovía A-8 en condicións meteorolóxicas adversas de néboa densa. Trátase da obra para a instalación de novas balizas detectoras que se colocarán no treito situado entre os puntos quilométricos 545,400 e 549,680.
Rodríguez explicou que a Dirección Xeral de Tráfico dedica máis de 1 millóns de euros a este proxecto de instalación de novas balizas detectoras coa finalidade de aumentar a seguridade viaria na autovía ao seu paso polo Fiouco e lembrou que esta iniciativa, coa que se trata de reducir o tempo no que se producen os cortes de circulación por motivos de seguridade na autovía, é complementaria do innovador proxecto no que traballa o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para a selección do sistema antinéboa.
A subdelegada anunciou que a Dirección Xeral de Tráfico avanza na instalación de novas balizas detectoras coa publicación hoxe no BOE da licitación da obra de instalación de balizas detectoras para mellora da seguridade viaria en condicións climatolóxicas adversas de néboa densa, con un presuposto de licitación de 1.018.937 euros e un prazo de execución de seis meses.
Con esta obra preténdese que as condicións de seguridade que ofrecerán as novas balizas permitan diminuír a 30 metros a distancia de visibilidade na que é necesario cortar o tráfico pola autovía que actualmente é de 40 metros, o que suporá poder manter máis tempo en servizo a A-8 ao seu paso polo alto do Fiouco. De acordo cos datos históricos dos que dispón a Dirección Xeral de Tráfico, calcúlase que esta medida permitirá gañar aproximadamente un 75% de efectividade da mesma.
As balizas que instalará a Dirección Xeral de Tráfico actívanse ao paso dos vehículos, de xeito que ao ser detectado un vehiculo acéndese unha luz vermella que segue a súa traza, avisando así da súa presenza aos que poidan circulan por detrás para evitar posibles alcances, e outra luz de cor ámbar delimita o trazado da autovía, o que lles serve de guía aos condutores no momento que a néboa comece a causar dificultades na visibilidade.
SISTEMA INNOVADOR DE PROTECCIÓN ANTINÉBOA
Pola súa parte, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana asinou nos últimos meses todos os contratos coas empresas seleccionadas para deseñar o sistema de protección antinéboa da autovía A-8.
Isabel Rodríguez destacou que o Goberno investirá máis de 2 millóns nesta primeira fase do proceso de Compra Pública Innovadora, que consiste no deseño, a construción e a experimentación con prototipos de solucións innovadoras para facerlle fronte a néboa nunha zona de proba anexa ao treito da autovía A-8 entre Mondoñedo e A Xesta.
A Compra Pública Innovadora desenvólvese en competencia por fases temporais que son de carácter eliminatorio, ata seleccionar as mellores solucións para resolver o problema da néboa.
- A Fase 1 consiste na demostración da viabilidade das solucións propostas. Nela, cada un dos adxudicatarios debe realizar os estudos e demostracións necesarios que permitan comprobar a eficacia e a viabilidade técnica e económica de cada proposta.
- A Fase 2 de construción e experimentación en campo a escala real con 4 prototipos seleccionados na primeira fase, 2 por cada lote, co fin de verificar o correcto funcionamento dos desenvolvementos teóricos nun contorno real nas condicións de néboa características do treito da A-8 entre Mondoñedo e A Xesta.
Unha vez validada a tecnoloxía ensaiada, procederase a unha contratación convencional para a construción dos sistemas antinéboa seleccionados.
SETE PROPOSTAS
A Fase 1 organizouse en 2 lotes e un total de sete contratos de servizos. Os tres contratos do lote 1 son para o desenvolvemento de solucións innovadoras baseadas en sistema de axuda á condución en situacións de néboa e suporán un investimento total de 722.675 euros (impostos incluídos).
As tres propostas seleccionadas consisten nun sistema de balizamento lateral da vía con luz láser, nun sistema de sinalización horizontal con tecnoloxía LED proxectada sobre a calzada e nun sistema baseado no uso de balizas intelixentes.
En canto ao lote 2, son catro os contratos para o desenvolvemento de solucións innovadoras baseadas en sistemas que actúan sobre a néboa mediante o seu illamento, eliminación ou desprazamento. Neles vanse investir 1.317.956 euros.
Neste caso, as propostas baséanse nun sistema de difusión automático por aspersores de materiais higroscópicos, nunhas barreiras aerodinámicas cortaventos de porosidade variable, nunhas estruturas de formigón abovedadas sobre cada calzada con aberturas laterais en toda a súa lonxitude e na combinación de barreiras estáticas e barreiras dinámicas que empregan dispositivos fluido-mecánicos.