Anuncian aos gañadores do I Concurso de Pintura e Arte Urbana Contén-arte

AMariñaXa
O Concello de Burela deu a coñecer as persoas gañadoras do certame que promove a creación artística en contedores de residuos
Premios-Contén-arte
2 sep 2024

O Concello de Burela deu a coñecer as persoas gañadoras do I Concurso de Pintura e Arte Urbana Contén-arte, un certame que promove a creación artística en contedores de residuos. O xurado, composto polos artistas locais Martín Lestao e Belén Mogo, e pola xestora cultural Silvia Fiallega, valorou a técnica, a composición, a creatividade, o aproveitamento do contedor e a integración da obra no mesmo.

O primeiro premio, dotado con 700 euros, foi para Nego pola súa obra "Sirenas", destacada polo xurado polo seu "xogo cos misterios e co descoñecido, do mito do mar", así como polo excelente aproveitamento do espazo. O segundo premio, de 500 euros, recaeu en Diego Domínguez coa obra "Climarte", valorada polo seu "cromatismo e o desenvolvemento da idea sobre o tema ecolóxico e o cambio climático, un problema de responsabilidade colectiva".

Ennaidd Capillo foi galardoada co terceiro premio, de 400 euros, pola súa obra "Lapislázuli". O xurado destacou a técnica única, empregando só rotulador, e a adaptación dos motivos locais ao soporte. Ademais, outros proxectos finalistas foron recoñecidos con premios de 200€ cada un. Estes finalistas inclúen a Javier Eijo, Jesús San José, Malpegados, Stefano Umberto, así como os colectivos formados por Barbara Leiro, Lucia Tellado e Lucía Geada, e outro integrado por Miguel Rivas, Isabel Cea, Begoña Romo e Alba Otero.

A pesar das inclemencias meteorolóxicas do sábado, a concelleira de Cultura, Lina Gómez, destacou a calidade das obras realizadas, que agora engadirán cor ás rúas de Burela. A concelleira tamén expresou o seu agradecemento a todas as persoas participantes, resaltando o orgullo co que realizaron as súas obras e manifestando o seu desexo de que esta iniciativa teña continuidade en futuras edicións.

0.075852870941162