Antonio Rodil expón a súa obra na Casa da Cultura de A Veiga

AMariñaXa
O artista autodidacta de orixe taramundesa trae a súa mostra “A vida a través da cor”, unha viaxe visual entre paisaxes, figuración e surrealismo
mostra-pintura-vegadeo
20 May 2025

A Casa da Cultura de A Veiga-Vegadeo acolle desde o xoves 23 de maio ata o 13 de xuño a exposición “A vida a través da cor”, do pintor Antonio Rodríguez Rodil. A mostra poderá visitarse na Sala de Exposicións Luis FeGa, cunha inauguración especial o propio día 23 ás 19:00 horas, que contará cunha visita guiada polo propio autor.

Rodil, natural de Bres (Taramundi), trae á súa terra natal unha escolma da súa obra máis recente, marcada polo uso expresivo da cor e a variedade temática. Nos seus cadros conviven paisaxes asturianas, representacións figurativas e elementos de corte surrealista, traballados con diferentes técnicas como o lapis, a acuarela ou o acrílico.

Autodidacta e cunha sólida base técnica grazas á súa formación en Arquitectura Técnica, o artista leva anos explorando novos camiños creativos, especialmente desde a súa xubilación, etapa na que puido dedicarse con maior intensidade á pintura. Esta exposición supón, segundo el mesmo recoñece, un soño cumprido: compartir co público da súa contorna unha parte esencial da súa vida e sensibilidade artística.

⚙ Configurar cookies
0.16641807556152