Antón Riveiro recibe o I Premio Álvaro Cunqueiro de Novela do Concello de Mondoñedo

AMariñaXa
O I Premio Álvaro Cunqueiro de Novela do Concello de Mondoñedo xa ten dono despois de reunirse o xurado na Biblioteca
20231025PremioAlvaronCunqueiro2023
25 Out 2023

Fíxose entrega do I Premio de Novela Álvaro Cunqueiro do Concello de Mondoñedo e que recaeu en Antón Riveiro Coello coa obra Hotel Carioca e, seguidamente, procedeuse ao acto de presentación do libro

O xurado destaca en Hotel Carioca como "a construción literaria do texto que alterna, con mestría, tempos e espazos e incorpora un fino xogo metaliterario, para levarnos da man das vidas dunha saga familiar con personaxes dunha gran fondura psicolóxica e emotiva".

Novela plural, fai converxer as augas de diversas subtramas, nas que os sucesos acontecidos no gurgullante Brasil dialogan, nun vitral de espellos, coas circunstancias da Galicia máis próxima.

Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964) é autor de novelas tan coñecidas como A quinta de Saler (Finalista do Premio de Narrativa Torrente Ballester, 1999), Animalia (Premio Café Dublín, 1999), As rulas de Bakunin (Premio García Barros de Novela, 2000), Laura no deserto (Premio da Crítica Española, 2011) ou O paraíso dos inocentes (Premio Torrente Ballester, 2020), entre outras. Articulista, poeta ocasional e escritor de relatos, Riveiro Coello é un dos grandes nomes da literatura galega dos últimos anos.

O xurado estivo formado constituído por Armando Requeixo, en calidade de Coordinador, Patricia Arias Chachero, Malores Villanueva, Marcos Calveiro e Carlos Loureiro, como vogais, e Abel Vigo actuando como secretario.

Medio cento de novelas participantes

Hotel Carioca, elixida polo xurado de entre medio cento de novelas participantes,  destaca, en palabras do xurado,  pola “construción literaria do texto que alterna con mestría tempos e espazos, ao tempo que incorpora un fino xogo metaliterario para levarnos da man das vidas dunha saga familiar con personaxes dunha gran fondura psicolóxica e emotiva”.

Ambientada no verán de 1982, a historia ten como protagonista a Helena, unha rapaza de tan só 13 anos que lle le á súa avoa a correspondencia do seu tío favorito, Leandro, que vive no Brasil. Pero un día chega unha carta que anuncia a morte do tío querido. Sospeitando que pode tratarse dun asasinato, comeza a investigación dun misterio que converte a Helena nunha escritora precoz ao tempo que se van abordando temas tan actuais como a homosexualidade, os coidados, a eutanasia, a emigración, a amizade, a descuberta da sexualidade e, sobre todo, o mundo da creación artística.

0.15612292289734