Antigüidades, artesanía e motor volverán encher A Pontenova do 5 ao 7 de decembro

A Pontenova converterase un ano máis no epicentro do comercio tradicional e da paixón polo motor coa celebración conxunta da XVIII Feira de Antigüidades e Artesanía e a IX Xuntanza de Vespas, Motos e Coches Clásicos, que terán lugar os días 5, 6 e 7 de decembro de 2025. A cita, organizada polo Concello coa colaboración da Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia e diversas entidades locais, reunirá durante tres días a artesáns, coleccionistas e afeccionados chegados de distintos puntos de Galicia e do norte de España.
A feira abrirá as súas portas o venres 5 de decembro, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00, e ata as 20:00 o domingo. O recinto contará con numerosos expositores e stands nos que se poderán atopar pezas únicas, obxectos restaurados e produtos de artesanía galega. Ademais, incluirá demostracións en directo de forxa de ferro, pintura, cestería de vimbio, coiro, torno de madeira, xoiería e elaboración de lámpadas de cabaza, que permitirán ao público coñecer de preto as técnicas e materiais empregados polos artesáns.
Entre as principais novidades deste ano destaca a exposición fotográfica “O legado das minas: 125 anos da S.M.V.”, unha mostra que conmemora o aniversario da Sociedad Minera de Villaodrid e que fará un percorrido visual pola historia mineira e ferroviaria da Pontenova, recuperando imaxes e recordos dun pasado industrial que marcou o desenvolvemento da comarca.
A programación completarase coa tradicional Xuntanza de Vespas, Motos e Coches Clásicos, que celebra xa a súa novena edición. O sábado 6 de decembro será a quenda dos coches clásicos, mentres que o domingo 7 estará reservado ás motos e ás emblemáticas Vespas. As actividades comezarán ás 11:00 horas na Praza dos Fornos, onde se realizarán as inscricións e a concentración dos vehículos participantes.
A organización outorgará trofeos aos vehículos máis antigos, mellor conservados, máis veteranos e procedentes de máis lonxe, recoñecendo así o esforzo dos coleccionistas e a conservación deste patrimonio automobilístico. Ademais, celebrarase unha comida de irmandade nos restaurantes San Briz e Sidrería A Mina, cun prezo de 20 euros por vehículo e un vale desconto de 6 euros. As persoas interesadas poden obter máis información ou formalizar a súa inscrición chamando ao teléfono 689 00 80 73.
Desde o Concello da Pontenova destacan que esta cita “é unha oportunidade para dinamizar a vida social e económica do municipio, poñendo en valor o seu pasado industrial e o traballo artesanal, pero tamén para atraer visitantes e fortalecer o turismo local”. O evento conta co apoio de establecementos colaboradores como Recense, Lar da Balbina, San Briz e Clásicos Lourido, cuxo compromiso axuda a manter viva unha das feiras máis consolidadas da provincia de Lugo.