Ante a chegada do colector marrón
Por Iván Rodríguez Lombardero, do Sindicato Labrego Galego.
O noso Concello, como Galicia, España e o planeta enteiro afronta unha tripla crise: a social e económica -ligada á desigualdade-, a ecolóxica e climática -pola devastación do noso modelo de desenvolvemento-, e a enerxética -debido á fin dos hidrocarburos baratos-. Comezo recordando esta tripla ameaza por aquilo de seguir a consigna de pensar no marco global antes de actuar local.
Ben sabemos que os grandes poderes non queren afrontar estas crises con seriedade, da man da ciencia, e que se algo queremos facer, deberemos facelo nós mesmas, a cidadanía e as entidades locais. Pois ben, existen dúas competencias propias delas moi relacionadas entre si e de gran potencial transformador: a xestión dos mercados de alimentos e a xestión dos residuos orgánicos.
A alarma sobre o risco dun futuro desabastecemento alimentario soan xa por medio planeta e non só nas zonas afectadas pola guerra ou tradicionalmente pobres. O modelo centralizado de produción e distribución controlado por axentes especuladores ten enormes vulnerabilidades e hoxe todo o sistema atópase tensioado. A necesidade de apostar pola produción local é xa máis que evidente e cómpre poñer en cultivo as terras agrarias, recuperalas e defendelas fronte a cambios de uso.
Pero quen colle o sacho? A mellor forma de incentivar a súa posta en cultivo coa incorporación de novas produtoras á actividade é garantir a adquisición de toda produción xerada nos nosos concellos a un prezo rendible. E esa garantía debe chegar a través dun programa de compra pública polos comedores de centros educativos, residencias e hospitais, así como dos programas de “xantar na casa” municipais, para poñer a rodar un círculo virtuoso (máis produción, máis consumo) cara á soberanía alimentaria, antes que os subministros de fóra sigan a encarecerse -e escasear- como xa estamos a vivir tralos avisos hai meses de organismos coma a ONU, a OCDE e a propia UE.
Outra das crises mencionadas, a enerxética, deu en subir o prezo do gasoil e do gas natural, base da fabricación de abonos nitroxenados, de xeito que varias firmas europeas e españolas (Basf, Fertiberia) pecharon fábricas temporal ou definitivamente pola suba dos custes e hoxe os prezos destes adubos acadan niveis inasumibles.
Mentres, en Galicia, seguimos a desbotar fertilidade mandando os restos orgánicos cara ao vertedoiro ou a incineración. Tras anos de adiamentos, urxe acelerar a súa xestión separada e compostaxe, evitando as emisións do transporte e queima, secuestrando o carbono no solo e dándolle fertilidade, resistencia á erosión e capacidade de retención de auga fronte ás secas. A compostaxe orgánica local é a necesaria contraparte do abastecemento local de alimentos.
Iso si, a xestión desta fracción pode organizarse de diferentes xeitos. O mellor desde o punto de vista ambiental, enerxético e económico é facelo cada quen na súa leira, algo que está da man das xentes do rural (e quen teña xardín nas vilas). Para as vilas, existe o modelo de compostaxe comunitaria, consistente en dispoñer duns compostadores en zonas verdes (pechados e que se abrirían con tarxeta dixital), de xeito que o transporte do residuo (que é 95% auga ) se reduza ao mínimo. Para animar á participación, os núcleos rurais e as persoas que se impliquen nas vilas deixarían de pagar a recollida municipal de lixo, xa que non precisarían dese servizo. A xestión in situ podería facerse por traballadoras municipais, voluntarias ou mesmo potenciais usuarias do compost.
Porén, a opción elixida na Mariña vai ser un novo colector marrón para ser xestionado por unha empresa que poida pasar recibos e mover camións cheos de auga 50 km ata Cervo cada día. O produto xerado non sabemos de quen vai ser, se noso, dos Concellos ou de SOGAMA. O resultado do proceso depende da calidade da separación, e os antecedentes no caso de colectores abertos son pouco alentadores... En resumo, moitas dúbidas ás portas dunha necesaria implementación sobre a campá, que reflicte tamén a escasa implicación neste importante asunto da anterior corporación.
Haberá que estar atentas a estas xornadas de divulgación de outubro a ver se podemos aclarar algunhas delas.