O alcalde de Trabada, Rubén García, cumpre un ano de mandato: "Con moita ilusión e incluso con máis ganas"

AMariñaXa
Fai un ano que García Freije accedeu á Alcaldía e realiza un balance das principais liñas de actuación postas en marcha durante este tempo
alcalde-trabada
19 Jan 2025

Falamos con Rubén García Freje, alcalde do Concello de Trabada, está a piques de cumprir un ano ao fronte. Para ser exactos, o día 19 de xaneiro de 2024,  tomou posesión.

Que balance fai deste ano como alcalde?

A verdade é que foi un ano moi ilusionante, de moita experiencias novas. Aprendín moitísimas cousas e sigo aprendendo e experiencias positivas, algunha tamén negativa, é certo. A verdade é que, xa transcorrido este ano, estou moi contento, con moita ilusión e incluso con máis ganas.

Que lle transmitiu a veciñanza de Trabada durante este tempo?

Teño que agradecerlles a boa acollida e recibimento que tiven dende o momento de chegar á Alcaldía. É certo que levo de concelleiro, dende o ano 2015, cando Mayra ganara as eleccións por primeira vez. Ela estivo 9 anos como alcaldesa e eu levo un e temos ideas moi semellantes e a mesma liña de traballo. Tanto eu como os meus compañeiros cremos na mesma liña, baseada en políticas de utilidade para a xente con contacto directo e que cando un veciño acode cun problema, nós buscar solucións.

Pese a levar tempo no Concello, agora, como alcalde, é unha sensación diferente. Recoñezo que son unha persoa á que lle gusta moito o contacto directo, falar as cousas e poder atender as súas necesidades.

Cales son as accións máis destacadas do Goberno neste ano?

Seguir na liña marcada dende o ano 2015 que é, en definitiva, velar directamente polos intereses e coidar aos veciños e veciñas de Trabada. O tipo de política, que levamos practicando dende entón, e seguimos levando a cabo desde que cheguei á Alcaldía, continuará durante os próximos anos. Queremos prestar servizos á xente, intentar levar a cabo diferentes actividades para que teñan unha mellor calidade de vida, en definitiva.

Realizar así diferentes proxectos para que Trabada sexa un concello atractivo para que se poidan asentar aquí familias de fóra do noso concello. Un dos principais proxectos nos que levamos todos estes anos traballando son os programas de conciliación. Somos coñecedores de que a día de hoxe non contamos con moitos nenos do colexio e si que desde o Concello queremos loitar ou poñer en práctica diferentes programas para que calquera persoa que estea buscando un novo lugar onde asentarse e crear unha familia, que vexa Trabada como un lugar atractivo.

Entre os programas, por exemplo enfocados á familias en horario escolar, o programa 'Madrugadores' pola mañá e ''Ludiseráns' pola tarde, calquera familia pode deixar ao seu neno ás oito da mañá no colexio e ir recollelo ás sete da tarde. A maiores, sumamos os campamentos que facemos durante Nadal e verán, que son programas de conciliación neses períodos cando non hai colexio.

Neste ano 2025 imos crear tamén o campamento xuvenil, enfocado a nenos e nenas do noso Concello entre 12 e 17 anos. Dentro destes programas damos a facilidade, se quedan prazas dispoñibles, de acceso a nenos e nenas con familiares empadroados no noso Concello. Despois, entre os proxectos que estamos levando a cabo, de feito está agora mesmo aberto o prazo de solicitude, é o das vivendas en alugueiro social. Reformamos as vivenda das antigas escolas que temos polas diferentes parroquias e así podemos sacalas en alugueiro social. Queremos seguir con este proxecto reformando o restante das vivendas que nos quedan e tamén nun futuro, unha vez rematadas, xa temos proxectos en mente de ir pouco a pouco intentando adquirir vivendas privadas, reformándoas e sacándoas en alugueiro social dende o Concello.

Como é a relación cos concelleiros da oposición?

É certo que practica un tipo de política do que eu non son para nada partidario. Neste ano, sempre o dixen e o sigo mantendo, o equipo de goberno somos un equipo co que se pode falar e chegar a acordos, pero sempre cunhas formas e cunhas ferramentas baseadas no respecto.

Cales son as principais necesidades do Concello actualmente e nas que están traballando?

Como pasa practicamente en todos os concellos, temos problemática co tema da vivenda. Notamos que en Trabada contamos con vivenda, certo que para a venta non está habendo tanto problema. Hai movemento bastante importante desde a Covid, que se están vendendo bastantes vivendas, tanto pisos como casas. Porén, á hora do alugueiro si que creo que a xente é máis reacia a alugar as súas vivendas a unha persoa descoñecida. Traballamos nesa liña xa dende hai anos, coa reforma destas vivendas, e mando unha mensaxe para animar aos veciños e veciñas que se contan con vivenda pechada que aluguen. É unha necesidade importante que temos agora mesmo.

En Trabada temos unha poboación moi envellecida e por iso desde o Concello ofertamos diferentes programas, como a de terapia ocupacional. Imos polas parroquias realizando actividades, tanto físicas como cognitivas, cos nosos maiores de xeito gratuíto e para calquera persoa que queira. Desde que estamos no Concello foise fortalecendo o servizo de Axuda no Fogar. A día de hoxe contamos con 13 ou 14 traballadoras neste servizo, prestamos máis horas e chegamos a máis veciños. A maiores deste, quero destacar tamén o centro de maiores co que contamos e no cal están 39 persoas, a maior parte veciños e veciñas. Somos coñecedores de que contamos cunha poboación envellecida, queremos coidalos e por iso traballamos nestas liñas ese programas. Especialmente para esa xente que vive soa ou nunha parroquia de poucos veciños xerar un punto de encontro para socializar con outros veciños, a través destas actividades.

Somos un concello moi grande, con máis de 82 km2 con 8 parroquias, e para o equipo de goberno todas son iguais. Por iso xa levamos anos con outro servizo totalmente gratuíto para os nosos maiores ou persoas con pouca mobilidade. Trátase dunha furgoneta adaptada coa cal non teñen máis que chamar ao Concello e dicir o día que precisan que se lles vaia recoller. Imos e poden acudir ao centro de Trabada xa sexa para ir a unha consulta médica, ao banco, ou calquera outra xestión. Tamén velar pola súa economía, xa que non é o mesmo este servizo municipal, que ter que chamar a un taxi e pagar por ese servizo.

Que agarda para os próximos anos?

Comezando polo 2025, agardo un ano moi intenso, de moita actividade. Imos levar adiante, se todo sae ben, moitos proxectos. Temos outros pendentes de conseguir financiamento como, por exemplo, a creación do albergue.

Un ano intenso en canto a obras, investimentos e demais, pero tamén en canto a actividades. Outros dos puntos fortes, independentemente dos eventos e actividades organizadas desde o Concello, xa reflexado nestes orzamentos do ano 2025, serán as colaboracións novas coa maioría das asociacións e clubs do noso Concello. Estamos cada vez máis implicados, coñecedores do importante traballo que fan. Sexa dunha forma ou outra recibirán axuda desde o Concello. Queremos tamén ter unha programación moi importante durante todo o ano e ter variedade de actividades enfocadas aos diferentes públicos e de diferente carácter cultural.

Que mensaxe lle lanzaría á veciñanza neste aniversario do mandato?

O que lles digo sempre cada vez que falo con calquera veciño cara a cara, que se teñen algunha dúbida, problema ou imprevisto que se lles ocasione, que acudan tanto a min como aos meus compañeiros. Se algo destaco da política local, que realmente é o tipo de política que a min me gusta, esa proximidade e sobre todo esa acción directa e instantánea que podes levar a cabo. Gústame o contacto directo co veciño e buscar solucións, en definitiva, axudar, que é para o que estamos. Hai unha frase que sempre digo que me gusta moito: "Cando as cousas van ben, os políticos non facemos falta, pero cando as cousas van mal, aí é cando temos que estar". Así vai ser, aí imos estar, para os veciños e veciñas de Trabada. Así o digo, así o manteño e así vai ser sempre.

O teu ano de mandato nunha palabra...

Ilusión.

 

 

 

0.16917204856873