Ana Pontón reclama axudas directas aos produtores da IXP da Faba de Lourenzá

AMariñaXa
Propón modificar as subvencións procedentes da PAC para incrementar a súa dotación e que cheguen máis fondos ao sector
Ana-Pontón-Lourenzá-2025
6 Feb 2025

A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou que o BNG levará ao Parlamento unha batería de iniciativas para reclamar axudas directas aos produtores e produtoras da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) da Faba de Lourenzá para paliar as perdas na última campaña, cifradas nun 80 %, que poñen a bota parte do sector “nunha situación límite”.

Así o anunciou logo de recoller as demandas de produtores e produtoras desta IXP nunha reunión no concello valego, logo da que explicou que o Bloque tamén pedirá na Cámara unha modificación da PAC, concretamente no piar relativo ao apoio á produción sostible de proteína vexetal, para incrementar a súa dotación orzamentaria e que “cheguen máis fondos a estes produtores”.

Por último, a formación nacionalista tamén defenderá o desenvolvemento dunha investigación sobre o impacto do cambio climático co obxectivo de mitigar as pragas que del se derivan e conseguir deste xeito “manter unha actividade que é fundamental” non só para Lourenzá, senón para o conxunto da Mariña.

“Non podemos perder de vista que a produción de faba permite que se fixe poboación, que se coide o territorio e que é unha actividade económica importante”, afondou Pontón, quen reclamou ao Executivo de Alfonso Rueda que actúe e defenda o sector.

Neste sentido, advertiu ao Goberno do PP que “non serven de nada as promesas que non se verifican” e instouno a “pasar das palabras aos feitos” e facer unha aposta real por “amparar e protexer un sector que é clave na Mariña” e que produce “un produto de alta calidade” que, ademais, está recoñecido cunha indicación xeográfica protexida”.

Pontón confrontou o modelo dun Executivo do PP que defende proxectos contaminantes que prexudican ao País co do BNG, que mantén a súa firme aposta por un medio rural “vivo, produtivo e con futuro”. “E para apoiar ao medio rural, o que se necesita é confiar no potencial que temos, confiar na capacidade da xente, facer unha aposta por poñer en valor a enorme calidade que temos e apoiar este tipo de produtos e ás persoas que os fan posibles”, recalcou para concluír que o Bloque vai estar “cos produtores e produtoras traballando polo futuro deste País, tamén no medio rural”.

 

 

0.16518187522888