Ana Moreiras será a pregoeira das festas patronais de Burela

AMariñaXa
O Concello e a comisión apostan pola ilustradora para dar inicio a unhas celebracións que buscan reforzar o seu espírito popular
Ana-Moreiras-ilustradora-Burela-pregoeira-festas-2025
30 Apr 2025

A profesora e ilustradora Ana Moreiras será a encargada de pronunciar o pregón das festas patronais de Burela, nun acto que terá lugar o vindeiro 24 de maio. A elección responde a unha aposta do Concello e do portavoz da comisión organizadora, Rubén Pinín, por contar cunha muller para abrir oficialmente as celebracións. “Parécenos que encaixa perfectamente co espírito das festas”, asegurou Pinín.

Para colaborar no financiamento dos festexos, a comisión organizadora puxo á venda uns abanicos de cor amarela e azul, dispoñibles nos comercios asociados á ACIA de Burela por un prezo de 5 euros. Ademais, nas cantinas das festas ofreceranse vasos reutilizables de plástico, que poderán adquirirse por un euro adicional ao realizar as consumicións, sendo obrigatorio o seu uso para contribuír á sustentabilidade do evento.

Desde a organización animan a veciñanza a participar activamente nas festas, que este ano apostan por unha maior implicación social e ecolóxica.

FESTAS

O programa arrincará o venres 30 de maio cunha gran verbena a cargo de La Fórmula e Cinema, dúas formacións que garantirán unha noite de ritmo e espectáculo.

O sábado 31 de maio, a festa continuará cunha animada sesión vermú ás 14:00 horas a cargo da Orquestra Ritmo Joven, que tamén volverá a subirse ao escenario pola noite acompañada da orquestra América.

O domingo 1 de xuño será a quenda de Solara e El Combo Dominicano, que poñerán música tanto á sesión vermú como á verbena nocturna, asegurando que a enerxía non decaia en ningún momento.

As festas clausuraranse o luns 2 de xuño cunha xornada moi especial na que actuarán as formacións Pontevedra, Cayenna e Panorama, auténticos referentes das verbenas galegas, que prometen un peche apoteósico para unhas celebracións pensadas para o goce de toda a veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.17523813247681