Ana Miranda traslada a grave situación que atravesa o sector pesqueiro galego
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, solicitou na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo que a pesca artesanal quede excluída das negociacións anuais de TAC’s e cotas. Sinala que é unha demanda do sector e do propio Bloque. “Trasladei que é importante ter en conta o impacto social de moitas medidas adoptadas desde Bruxelas, que adoitan tomarse sen conexión coa realidade”, explicou a eurodeputada galega.
Na súa intervención, Miranda puxo de relevo a grave situación que atravesa o sector pesqueiro galego debido á inestabilidade e inseguridade xurídica. “Cando chega decembro, a frota pesqueira, especialmente en territorios altamente dependentes da pesca como Galiza, comeza a tremer”, sinalou. A eurodeputada destacou que as decisións tomadas por Bruxelas dependen dos informes e dos seus prazos de publicación, o que repercute directamente na estabilidade do sector.
Miranda tamén criticou que as prioridades da Comisión Europea non inclúan á pesca, sinalando que “as decisións tómanse desde despachos sen ter en conta a realidade do sector”. Como exemplo da situación, apuntou que o ano pasado as lonxas galegas rexistraron 24 millóns de toneladas menos de peixe e unha caída de 30 millóns de euros na facturación.
REIVINDICACIÓNS DO SECTOR
A eurodeputada do BNG insistiu en que a Comisión Europea non pode permanecer allea ás necesidades do sector galego. “As decisións sobre a pesca deben ser tomadas en Galiza, non en Bruxelas”, afirmou Ana Miranda. Ademais, lembrou que trasladou ao novo Comisario de Pesca, Costas Kadis, as principais demandas do sector pesqueiro e marisqueiro galego, incluíndo o recoñecemento de Galiza como zona altamente dependente da pesca, un factor clave no reparto de fondos europeos.
Miranda tamén subliñou a importancia de que o Comisario de Pesca visite Galiza para coñecer de primeira man as necesidades do sector. Segundo confirmou Kadis no encontro mantido con Miranda a semana pasada, esta visita terá lugar no vindeiro mes de abril.