Ampliarán as áreas de radioloxía, laboratorio e urxencias do hospital da Mariña
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou o compromiso da Xunta cos hospitais comarcais, logo de preto de dez anos de melloras continuas no Hospital Público da Mariña, no que se levan investidos máis de 19 millóns de euros nos últimos anos. No transcurso da súa visita ao hospital situado en Burela, na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e polo xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, o conselleiro remarcou que os hospitais comarcais son imprescindibles para achegar unha asistencia sanitaria de calidade ao conxunto da cidadanía.
O conselleiro aludiu especialmente ás melloras levadas a cabo no Hospital Público da Mariña desde 2015 que, cun investimento de 19 millóns de euros, marcaron “un antes e un despois” neste centro hospitalario. Destacou a dotación dun hospital de día oncohematolóxico e a execución dunha primeira fase de ampliación e reforma que supuxo a construción dun novo edificio de hospitalización e consultas externas, ampliando a superficie do centro en 6.000 m 2 e modernizando áreas como diálise e administración.
Tamén se referiu á ambiciosa actuación de eficiencia enerxética levada a cabo cun investimento de case 2 millóns de euros e á renovación e ampliación do equipamento tecnolóxico, cunha nova resonancia magnética e un novo TAC, ao que se destinou 2,2 millóns de euros.
Tal e como detallou o conselleiro na súa intervención, o compromiso da Xunta co Hospital da Mariña, que atende a 70.000 persoas, continúa. O Goberno galego está a avanzar para desenvolver integramente a Fase II do Plan Director do hospital, unha actuación de relevancia que contará cun investimento de 30 millóns de euros e suporá a ampliación de áreas críticas como o hospital de día polivalente, as urxencias, radioloxía, anatomía patolóxica, laboratorio e cirurxía maior ambulatoria.
Gómez Caamaño incidiu en que o conxunto do Plan Director incrementará a superficie do hospital nun 70 %, acadando os 28.200 m 2 . Lembrou que o proxecto está moi avanzado e que toca agora abordar coa área sanitaria un plan de actuacións que garanta compatibilizar as obras coa actividade asistencial. Respecto das necesidades de persoal, lembrou que a Consellería de Sanidade axustou as condicións para contar con profesionais nas prazas de difícil cobertura, posibilitando a súa convocatoria por concurso de méritos, o que facilitou a incorporación de 16 novos especialistas en áreas clave do hospital.