Amplían as axudas para a apicultura

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O DOG publica a orde na que se contempla esta ampliación orzamentaria, elevando o importe global das axudas a preto de 1,3 millóns de euros.
abella apicultura
18 Jul 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a orde da Consellería do Medio Rural pola cal se incrementa o importe das axudas  destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos de apicultura cunha dotación de 575.026 euros. Esta ampliación eleva finalmente o importe global a preto de 1,3 millóns de euros, o que supón un aumento de case o dobre do orzamento do ano pasado, que era de 724.105 euros.

Precisamente, estas subvencións son posibles grazas á incorporación tanto de fondos propios da Xunta como do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación e do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga). A repartición da Unión Europea e do Estado faise en relación ao número de colmeas existentes en cada territorio, que en Galicia superan as 200.000.

Así, as axudas dispoñen de seis liñas de subvención diferentes: para a asistencia técnica (dirixida só a agrupacións de apicultores), para a loita contra as agresións e enfermidades da colmea, para a racionalización da transhumancia, para medidas de apoio aos laboratorios de análise de produtos apícolas co obxectivo de axudar ás persoas apicultoras a comercializar e a valorizar os seus produtos, para apoiar a repoboación da cabana apícola e para facer seguimento de mercado.

Cómpre lembrar que a convocatoria destas axudas, xa pechada, fíxose en réxime de concorrencia competitiva, dando prioridade a aspectos como a dimensión das explotacións, a pertenza á IXP Mel de Galicia ou a adscrición a unha Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira. Tamén foi obxecto de valoración o feito de que as explotacións solicitantes ostentasen titularidade compartida ou a cargo de persoas mozas, que as colmeas estivesen en zonas desfavorecidas ou rexistradas no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), entre outras cuestións.

Deste xeito, poden beneficiarse destas axudas tanto cooperativas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia como particulares titulares de explotacións apícolas.

Enlace á publicación no DOG.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18619894981384