Ampliado o contido do centro de interpretación da Basílica de San Martiño de Foz
Ampliado o contido do centro de interpretación da Basílica de San Martiño. “Trátase de 4 paneis informativos que fan referencia a elementos de difícil exposición non antes sinalados que, pola importancia que teñen, non podían faltar e así amplificar a visión dos visitantes desta maxistral peza artística que é a Basílica. Os paneis están expostos nas salas do primeiro andar e a sala do Bispo, que estaban escasamente dotadas”, explica o concelleiro de Turismo, Chema Linares.
O edil especifica que “na primeira sala colocáronse dous paneis enfrontados, nos que atopamos despregada a representación iconográfica das ábsidas laterais do templo, discernidas como capela norte, a do calvario e capela sur, a da virxe María, decoradas ambas con pintura barroca, datada de finais do século XVI. Con esta actuación preténdese que os visitantes poidan apreciar máis de cerca estas pinturas e contar coa explicación da guía da Basílica. Hai que ter en conta que non se pode acceder ás capelas por seguridade e que en moitas ocasións a propia Basílica está pechada por oficios relixiosos”.
Chema Linares engade que “a seguinte sala recolle unha representación dos canzorros interiores, con temática da luxuria, agrupados de tres en tres: ao longo do muro norte atopamos unha representación sobre o pecado e o castigo da luxuria, con referentes tomados do mundo clásico como son a serea e o espinado. E os canzorros exteriores da fachada sur, na zona da horta, actualmente non visitables, de notable feitura e temática dispar, onde podemos atopar tanto aves como representación da alma durmida, distintos animais feroces, referencia a homes martirizados e contorsionistas xunto cós de carácter erótico, mostrando corpos esaxerados pero anatomicamente correctos”.
O concelleiro explica tamén que “a última sala, a do Bispo, a que conta cunha representación do anel e o báculo do Bispo, complétase cun panel narrando as tres lendas máis coñecidas sobre San Gonzalo: a lenda normanda descrita polo bispo Navarrete Ladrón de Guevara no século XVIII cun texto en castelán antigo; a da fonte da zapata descrita polo recentemente desaparecido e amante da arte Cal Pardo cun texto en galego; e a da balea, menos coñecida, narrada polo literato mindoniense Álvaro Cunqueiro, cun texto en galego, que conta como en San Cibrao se presentou unha balea tan grande que non houbo mariñeiro que se acercase a ela e nin podían faenar. A balea, cando tocaban as campás da igrexa acercábase á área. Entón o Bispo acercouse a San Cibrao e mandou que o levasen ata a súa boca, e perdeuse na escuridade da súa garganta aparecendo ao pouco tempo ca imaxe da Nosa Señora de Vilaestrofe”.
Linares destaca que “para esta actuación contamos coa estimable axuda da nosa guía, Silvia Blach, cuxo asesoramento nas necesidades do centro foi de suma importancia”.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, comentou que “con esta actuación potenciamos o centro de interpretación do noso monumento máis representativo, a Basílica de San Martiño, pensando nunha oferta cultural e turística máis aló do verán. O centro de interpretación, inaugurado polo anterior rexedor, foi unha magnífica idea, que pon no mapa o mellor recurso que ten o noso concello, non só a nivel patrimonial senón tamén cultural. Xa constitúe o principal punto de atracción turística da nosa vila despois das praias, contribúe a desestacionalizar o turismo e a propia Basílica estase a converter nun referente cultural polas diferentes actuacións musicais que recolle, como coros e corais ou o recente festival de música clásica Bal y Gay”.
Cajoto engadiu: “a nosa idea é continuar potenciando San Martiño a nivel cultural, programando charlas, exposicións temporais e actividades musicais, ademais de visibilizar os tres polos fundamentais desta parroquia, como son a propia Basílica, o museo e xardín botánico Espazo Caritel e o Castro das Engrobias, que conta cunha actuación prevista por parte de Patrimonio para un plan de limpeza e paneis informativos”.