Ampliada a intervención arqueolóxica na Cova de San Xoán Vello de Viveiro
O Concello de Viveiro informa do inicio dos labores de ampliación da intervención arqueolóxica na Cova de San Xoán Vello, que se está levando a cabo co obxecto de identificar cronoculturalmente os restos alí conservados e analizar o seu estado.
Entre estes labores inclúese a ampliación da sondaxe 1 en 1 metro cara ao norte e levantamento da tumba in situ, recollida de ósos e estudo antropolóxico, xunto coa redacción e tramitación de informe-memoria requiridos pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, así como a recollida de mostras de mineroloxía e o levantamento topográfico dos restos.
Este proxecto está promovido polo Concello de Viveiro e Síncrisis, grupo investigación da Universidade de Santiago de Compostela centrado na xeración de coñecemento histórico, histórico-artístico ou filolóxico e á implementación de ideas, técnicas ou modelos de investigación sobre o patrimonio histórico e cultural.
“É a nosa responsabilidade como goberno local impulsar todas aquelas accións que contribúan ao enriquecemento do noso patrimonio e que nos permitan descubrir máis sobre a nosa historia”, subliña María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.
O lugar da intervención está incluído no Inventario de xacementos arqueolóxicos de Galicia coa denominación Cova de San Xoán Vello / A Poceira, con clave de identificación GA27066032, dende xuño de 2017.
O xacemento da Cova de San Xoán Vello ábrese nun cantil sobre a ría de Viveiro no lugar da Poceira, parroquia de San Xoán da Cova, de difícil acceso.
Sábese que neste lugar atopábase ata mediados do século XVIII [ata 1738 segundo Donapetry (1953)] a igrexa parroquial de San Xoán da Cova, momento no que se trasladou a igrexa á súa actual localización dados os problemas de acceso e de ruína, conservándose na cova o topónimo de San Xoán Vello.