Amplia representación do BNG nas San Lucas de Mondoñedo, en apoio ao sector gandeiro e ás tradicións rurais

AMariñaXa
Ademais da participación nos actos festivos, os nacionalistas mantiveron encontros con gandeiros e gandeiras presentes na feira, nos que abordaron as necesidades e desafíos do sector
baixada-as-san-lucas-mondonedo
18 Oct 2025

Unha ampla representación do BNG participou hoxe nas tradicionais San Lucas de Mondoñedo, unha das citas máis emblemáticas do outono galego. Deputadas e deputados nacionalistas con responsabilidades no ámbito do Medio Rural tanto no Parlamento como na Deputación —Ariadna Fernández, Sonia Vidal, Secundino Fernández, Montse Valcárcel e Daniel García— acompañaron ao portavoz municipal de Mondoñedo, Eloi Cabanas, e á concelleira Pepa Carballeira. Tamén estiveron presentes a alcaldesa de Barreiros e vicepresidenta da Mancomunidade, Ana Ermida; o alcalde de Muras, Manuel Requeixo; o responsable comarcal Antonio Veiga e outros cargos orgánicos e institucionais do Bloque na Mariña.

Durante a xornada, os representantes do BNG asistiron á tradicional baixada dos cabalos dos montes cara ao recinto feiral, un dos momentos máis simbólicos das festas mindonienses. Preto de cincocentas cabezas de gando das explotacións Xan das Bouzas, Javier Ares e Tania Pérez, criadas en liberdade nos montes do Campo do Oso e do Fiouco, percorreron as rúas da cidade ata o curro do campo da feira.

O deputado Daniel García puxo en valor “o traballo das ganderías que manteñen viva esta tradición secular e que, ao mesmo tempo, sustentan a actividade gandeira sobre a que se asenta a historia e a identidade das San Lucas”.

Ademais da participación nos actos festivos, os nacionalistas mantiveron encontros con gandeiros e gandeiras presentes na feira, nos que abordaron as necesidades e desafíos do sector. O BNG destacou a función esencial da gandeiría extensiva e do gando de monte na prevención de incendios forestais e reclamou un maior apoio institucional.

As parlamentarias do Bloque subliñaron a urxencia de establecer axudas directas que faciliten o manexo do gando en réxime extensivo e o pastoreo, así como a creación dunha liña específica para promover plans de aproveitamento silvopastoril que permitan recoñecer formalmente o uso gandeiro das superficies das comunidades de montes veciñais.

O BNG considera que a superficie comunal representa unha oportunidade para xerar emprego e reforzar a economía rural, polo que insta ás administracións a impulsar, en colaboración coas comunidades de montes, un plan de fomento da gandeiría extensiva baseado no pastoreo e na sustentabilidade do territorio.

As San Lucas contan co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que achega 20.000 euros á súa organización e presta colaboración económica e loxística ás distintas actividades relacionadas cos cabalos e co mundo rural.

CONSELLEIRA DE MEDIO RURAL

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asistiu tamén á baixada dos cabalos polas rúas de Mondoñedo con motivo da celebración da feira das San Lucas nesta localidade, sendo a Feira tradicional máis antiga de Galicia que se segue celebrando a día de hoxe. Alí, enxalzou o relevante papel cultural e social desta festividade para o concello e a súa contorna.

A feira das San Lucas é unha das máis importantes citas de gando cabalar de Galicia, na que se premia aos mellores animais, poñendo de relevo o traballo dos gandeiros. A festa, coa que colabora a Consellería do Medio Rural, rematará este luns tras cinco días de celebración cun amplo programa de actividades.

⚙ Configurar cookies
0.070553064346313