Ampla representación mariñá nas candidaturas do BNG para as eleccións do 23 de xullo
O BNG vén de presentar aos integrantes mariñaos das candidaturas ao Congreso e ao Senado pola provincia de Lugo. A lista ao Congreso está encabezada por Daniel Castro García, de Ribadeo, e actual deputado no Parlamento de Galicia. Acompáñano Vanesa Gómez Lourido, de Riotorto, Diego Fernández Martínez, de Cervo, e Beatriz Álvarez, de O Valadouro.
A candidata nº 2 ao Senado é Montserrat Porteiro Sánchez, de Barreiros, xunto á que forman parte da lista tamén Pilar Vázquez, de Xove, Francisco Xavier Fanego Bermúdez, de Foz e Ofelia Cebrián, de Barreiros.
Son oito persoas de variados ámbitos profesionais e sociais e de diferentes localidades; persoas comprometidas coa comarca nos diferentes campos nos que desenvolven a súa actividade laboral, social, institucional, sindical ou política...
O BNG aposta por un representante mariñao no Congreso
O responsable comarcal Antonio Veiga destacou a importancia que para Galiza e para A Mariña tenen estas eleccións, afirmando que “o BNG aposta claramente pola Mariña, non só polo número de candidatos e candidatas da comarca que integran as listas ao Congreso e ao Senado, senón tamén porque esta é a oportunidade de que A Mariña teña un representante no Congreso, o cabeza de lista por Lugo, Daniel Castro”.
Infraestruturas necesarias para o desenvolvemento industrial da comarca
Daniel Castro, que sinalou que se facía esta presentación diante do socavón da Areoura para visualizar tamén o déficit de infraestruturas, referíuse á desconexión da comarca de A Mariña co resto do país, “que é un feito que se acentuou nas últimas décadas, sobre todo desde que a Autovía do Cantábrico (A-8) foi desviada deixando descolgados á maioría dos concellos mariñaos, e sen que os sucesivos gobernos do Estado dunha e doutra cór fixeran absolutamente nada por reverter esta situación”, afirmou. Referíuse tamén entre outras infraestruturas á situación de Feve, do Dique Norte de Alcoa, esquecido despois de aprobárense unánimemente moitas iniciativas ao respecto presentadas polo BNG, ao igual que a A-74 Barreiros-San Cibrao.