Ampla programación das Letras Galegas do Concello de Viveiro
O Concello de Viveiro presenta a súa programación para conmemorar o Día das Letras Galegas 2021, dedicado neste ano a Xela Arias. O programa impulsado polo goberno local pretende reivindicar a figura da escritora, así como a lingua galega, a través de actividades que involucran a todas as idades e adaptadas ás medidas sanitarias.
“Con esta programación queremos destacar a figura de Xela Arias, unha muller adiantada aos seus tempos, falando de temas tabú na súa época e comprometida co feminismo, o medio ambiente, a maternidade e por suposto a lingua galega”, afirma Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura de Viveiro.
O propio Día das Letras Galegas, o 17 de maio, o goberno local impulsa a acción colectiva Orgullodeser, animando á veciñanza a saír á rúa cos seus traxes tradicionais galegos ou a integrar algúns dos complementos da vestimenta tradicional na súa roupa cotiá. “Esperamos que a xente se sume a esta iniciativa, para mostrar o orgullo de nós mesmos e da nosa tradición”, engade a concelleira de Cultura.
“O Día das Letras Galegas é unha data de celebración para a nosa lingua, coa que o concello está moi comprometido. Esperamos que os veciños poidan gozar da programación deste ano, coa que reivindicamos a figura de Xela Arias e que adaptamos ao contexto sanitario actual”, explica María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.
Entre o 14 e o 17 de maio, Viveiro acollerá a xincana cultural e familiar Calexeando. A información sobre a actividade estará dispoñible a partir do día 13 de maio na web: www.calexeando.com e as 100 primeiras persoas en completar a xincana recibirán un agasallo.
O venres 14 de maio, o obradoiro de canto coral do CMUS de Viveiro ofrecerá o concerto Música e Letras, na sala multiusos ás 20:30, mentres que o sábado 15 de maio, realizaranse dous contacontos. En primeiro lugar, Senlleiras, ás 12:00, na sala multiusos Pedro Brandariz. A continuación, o contacontos “Arredor de Xela” representarase ás 18:00 na sala multiusos Raquel Queizás. Cómpre reservar as entradas para asistir a estas actividades no teléfono 654 208 333.
O Día das Letras Galegas, o 17 de mail, alén da acción colectiva Orgullodeser, David Bellas, artista e profesor do CMUS de Viveiro, interpretará o Himno de Galicia ás 12:30 no balcón da Biblioteca Municipal. Nesa mesma xornada, ás 13:00, o grupo infantil de gaitas Bágoas da Terra realizará un pasarrúas pola vila de Viveiro.
Por último, a obra de teatro Dúo Vaguedades, unha peza que pon en valor a lingua galega, pechará a programación. A función será o 22 de maio ás 19:00 e contará coa participación de Fran Rei e Isabel Risco. Para asistir á representación, cómpre reservar a entrada no teléfono 654 208 333.