Amigos do Camiño do Mar organiza unha ruta de peregrinación ata Santiago
A asociación Amigos do Camiño do Mar organiza unha ruta de peregrinación ata Santiago polo Camiño homónimo. Realizarase en 13 etapas os domingos e a primeira empezará en Ribadeo o 31 de marzo, cun percorrido aproximado de 22,9 quilómetros polo municipio ribadense e o de Barreiros. A cota de inscrición inclúe os seguros, a camiseta da edición e credencial.
Os organizadores desta iniciativa explican que “o principal obxectivo desta acción é promover e divulgar o Camiño do Mar, a antiga vía de peregrinación a Santiago de Compostela que discorría pola Mariña Lucense, Ortegal e Ferrolterra. O Camiño do Mar discorre polos antigos Camiños: francés e real, dos concellos de Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro, O Vicedo, Mañon, Ortigueira, Cariño, Cedeira, Valdoviño, Narón e Neda, onde intersecciona co Camiño Inglés ata chegar a Santiago de Compostela. Tras o éxito do proxecto realizado os pasados anos, no 2024 iniciamos a terceira edición do proxecto para dar a oportunidade de volver camiñar polo antigo Camiño de Santiago, hoxe denominado Camiño do Mar, gozar e coñecer o territorio polos que discorre e coñecer algunha curiosidade da súa historia”.
Realizarase durante 13 domingos. Os participantes chegarán cos seus propios medios ao lugar de saída de cada etapa, unha vez alí empezarase a camiñar para chegar ao final de cada etapa, onde haberá un bus que traerá ao grupo ao lugar de inicio.