A Pontenova baixa ao nivel medio de alerta

AMariñaXa
Balance da situación da covid-19 nas distintas comarcas da provincia de Lugo. Casos activos, contaxios e defuncións concello a concello.
covid
24 Feb 2021

A provincia continúa reducindo o número de casos activos de covid de forma notoria a dous días de que se levantes as restricións da Xunta de Galicia. De feito mellorou xa a situación dende onte para dous concellos e empeorou para Rábade.

Así, hoxe son 748 casos activos, que son 19 menos que onte. Na xornada anterior o descenso foi de 28. Ralentízase o descenso debido ás altas, que son menos, xa que os novos casos tamén baixan.

Rexistráronse nas últimas 24 horas 25 casos novos (onte foron 30). Ademais, as altas chegaron ás 10.664, 45 en 24 horas, o día anterior foron 58.

Dende que comezou a pandemia, no mes de marzo do pasado ano, hai 11.617 casos rexistrados e 200 persoas falecidas, unha máis, unha muller de 85 anos no hospital de Monforte.

A presión hospitalaria comeza a baixar de forma notoria. Nas UCI hai 16 ingresados (3 menos), todos no Hula, e en planta hai 37 enfermos (6 menos), 28 (4 menos) no hospital de Lugo, 5 na Mariña (1 meno) e 3 en Monforte (1 menos). O Polusa de Lugo segue cunha persoa ingresada.

POR COMARCAS

A Mariña

A Pontenova rexistra 11 casos e rebaixa, antes de entrar en vigor as novas medidas, do nivel de máxima alerta (o 1) ao de alerta media (o 2).

  • Viveiro mantén os mesmos 12 casos de onte.
  • A Pontenova rebaixa 1 e queda en 11.
  • Trabada, Xove e Alfoz seguen sen casos novos en 15 días e únese Mondoñedo.

Terra Chá

A comarca mantén un concello en alerta máxima, Guitiriz, que comezou xa a baixar de forma rápida. Suma outro á alerta media, polo que están así Outeiro de Rei e Rábade, ao igual que As Pontes. A Pastoriza engrosa a lista dos que non teñen casos dende hai 15 días.

  • Vilalba mantén 24 casos, os mesmos de onte.
  • Guitiriz reduce 12 casos e queda en 94 e segue en máxima alerta.
  • Outeiro de Rei tamén reduce e queda en 14, 3 menos, pero en alerta media.
  • Rábade está en alerta media malia ter menos de dez casos.
  • Pol, Abadín e Xermade están sen casos novos nos últimos quince días. Únese tamén A Pastoriza.
  • No veciño Concello das Pontes están en alerta media malia baixar 3 casos e quedar en 31.

Centro da provincia

Lugo volve á senda da redución de casos de covid, aínda que lentamente. Tamén baixan no Corgo pero segue en alerta máxima. Sen cambios para Guntín e Baralla, na alerta media malia estar con 10 casos.

  • Lugo reduce novamente 3 casos e queda en 232 en total.
  • O Corgo mantense en máxima alerta con 20 casos, un menos que onte.
  • Guntín volve estar en 10 e queda en nivel medio de alerta, o mesmo que Baralla, que ten menos de 10.
  • A zona da Montaña continúa con varios concellos sen casos nos últimos días como A Fonsagrada. Pedrafita do Cebreiro, Negueira de Muñiz, Navia Cervantes e Ribeira de Piquín. Tamén Antas de Ulla está nesta situación.

Comarca de Sarria

Todos os concellos quedan fóra dos grados de alerta.

  • Sarria reduce novamente un caso ata 12.
  • Samos, Triacastela, O Incio, Paradela e O Páramo están xa sen casos novos dende hai 15 días.

Ribeira Sacra

Monforte, malia estar á baixa, manterá o estado de alerta media polo volume de casos, 58, o mesmo nivel que se manterá en Sober e A Pobra de Brollón malia ter menos de 10.

  • A vila de Monforte contabiliza hoxe 59 casos, 1 máis.
  • Taboada, con menos de 10 casos, deixa xa o estado medio de alerta.
  • Sober e A Pobra de Brollón, malia estar por debaixo de dez casos, seguen en alerta media.
  • Bóveda, Folgoso do Courel, Chantada e Ribas do Sil seguen sen casos dende hai máis de 15 días.
0.19957900047302