Amancio Prada celebrará en Burela o 50 aniversario do seu disco dedicado a Rosalía

AMariñaXa
O cantautor actuará o 25 de outubro no auditorio da Casa da Cultura dentro da súa nova xira conmemorativa
Amancio Prada
9 Sep 2025

Burela converterase nunha das paradas destacadas da xira coa que Amancio Prada conmemora medio século da publicación do seu primeiro disco, dedicado á poesía de Rosalía de Castro. O concerto terá lugar o sábado 25 de outubro, ás 20:30 horas, no auditorio da Casa da Cultura. As entradas xa poden adquirirse a través da plataforma www.ataquilla.com.

Segundo explican os promotores, esta proposta vai máis alá dun simple aniversario. “Celebrar medio século dun disco é celebrar o camiño dunha vida enteira. Aquel primeiro álbum converteuse na brúxula que guiou toda a traxectoria de Prada, un diálogo permanente coa obra rosaliana que medrou co paso do tempo. Este concerto é unha cerimonia de gratitud, unha oportunidade única para contemplar o traxecto percorrido e volver escoitar cancións que xa forman parte da memoria colectiva”.

Nado en Dehesas, León, en 1949, Amancio Prada destacou pola súa capacidade de dar voz musical a poetas de diferentes épocas e estilos. A súa obra abrangue desde as cantigas medievais galego-portuguesas e o Romancero ata autores como san Xoán da Cruz, Teresa de Jesús, Rosalía de Castro, Bécquer, Lorca, Juan Ramón Jiménez, Álvaro Cunqueiro ou Carmen Martín Gaite.

Ao longo da súa dilatada carreira recibiu numerosos recoñecementos, entre eles a Medalla Castelao (1995), a Medalla de Ouro do Círculo de Belas Artes de Madrid (2001), o Premio Castilla y León de las Artes (2005), a Medalla ao Mérito nas Belas Artes (2010), o Premio da Cultura Galega (2019) ou o European Guitar Foundation (2021).

Desde a súa presentación en París en 1972, cando compartiu escenario con George Brassens, o artista levou a súa música a auditorios e festivais de prestixio tanto en España como no estranxeiro, consolidándose como unha das voces máis singulares da lírica ibérica.

⚙ Configurar cookies
0.24234509468079