Alumnos dos IES Ánxel Fole de Lugo e Monte Castelo de Burela premiados no certame polo 25-N

LugoXa | AMariñaXa
Premiados os traballos de alumnado dos IES Ánxel Fole de Lugo e Monte Castelo de Burela no certame convocado polo 25-N
non cales mais monte castelo
17 Nov 2022

Cadanseus traballos presentados por escolares do IES Ánxel Fole de Lugo e Monte Castelo de Burela foron premiados no certame de creación gráfica e audiovisual convocado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con motivo do 25-N, día internacional contra a violencia de xénero.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que Miguel Ángel García Goyos, alumno de 1º de ESO do IES Ánxel Fole, foi gañador na 1ª categoría de imaxe gráfica -para 5º e 6º de educación primaria, de 1º e 2º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e educación especial- , cunha proposta titulada Non sexas o seu xoguete.

Pola súa banda, un equipo do instituto Monte Castelo de Burela obtivo o segundo premio da súa categoría na modalidade audiovisual pola montaxe Non cales. Fala, realizada por un grupo de oito mozos e mozas de 1º de Bacharelato deste centro educativo. A 2ª categoría inclúe os traballos presentados por 3º e 4º de ESO, 1º e 2º de BAC , FP básica e ciclos de grao medio e superior.

Entrega de galardóns en Santiago de Compostela o 25 de novembro

Os galardoados recibirán cheques regalo para investir no comercio local e os centros representados obterán cadanseus lotes de libros. Os premios entregaranse nun acto que terá lugar o propio 25 de novembro en Santiago de Compostela e que estará presidido pola conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana.

As propostas individuais e colectivas deste ano destacaron pola súa orixinalidade e reflexión acerca da lacra que representa a violencia de xénero. Xunto coas de Lugo e Burela, foron recoñecidas nas diferentes categorías as propostas de escolares de Pontevedra, Santiago de Compostela, Cee (A Coruña), Ourense, Ferrol e Salvaterra de Miño (Pontevedra).

O xurado estivo integrado por representantes da Secretaría Xeral da Igualdade, da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e da Comisión Asesora de Publicidade non Sexista. Recoñeceu a calidade técnica e creativa das creacións da presente convocatoria e tivo en conta na súa valoración a transmisión dunha mensaxe clara de rexeitamento fronte á violencia de xénero e a adecuación desta aos obxectivos que se promoven de prevención, detección precoz e intervención fronte a esta lacra.

Non sexas o seu xoguete
0.15798902511597