Alumnos do IES María Sarmiento amosan o Camiño do Mar a estudantes viveirenses
Os alumnos do IES María Sarmiento están inmersos nun proxecto de colaboración coa Deputación de Lugo, a Concellería de Educación e Turismo do concello de Viveiro, a Asociación Amigos do camiño do Mar, a Once e a Asociación Bágoas da Terra de Viveiro.
É unha actividade de grandes dimensións pola interdisciplinariedade departamental, polo abano de centros que están participando nesta e polo gran número de asociacións e organismos implicados que están poñendo o seu gran de area constituíndo unha gran mostra da cultura, e da arte ao longo do camiño de Santiago.
A primeira das actividades tivo lugar polos diferentes institutos de Viveiro, o CEIP Covas, CEP Lois Tobío, CEIP Landro, CEIP Vicedo, IES Vilar Ponte, IES María Sarmiento, no que realizaron unha peregrinaxe a través dun tramo do Camiño do Mar, guiados polo presidente da Asociación Amigos do Camiño do Mar con chegada ao IES María Sarmiento onde se lles fixo entrega dunha credencial financiada e selada polo Concello de Viveiro.
A continuación, visionaron unha gravación elaborada pola CRTVG, Fundación Barrié e Fundación Catedral de Santiago e editado polo Departamento de Historia e arte do María Sarmiento, explicativo do conxunto escultórico do Pórtico da Gloria.
Finalmente fixeron un percorrido pola exposición A Memoria do son, que teñen no centro, e é un proxecto da colección de instrumentos musicais e arquivo documental do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo que permite contemplar réplicas dos instrumentos máis populares da Europa medieval entre os que están os do Pórtico da Gloria.
Hoxe procedeuse a realizar a clausura do proxecto na que os alumnos de música do María Sarmiento poderán interpretar a Cantiga de Santa María número 100 coa oportunidade única de poder empregar o salterio da propia exposición entre outros instrumentos. O actor profesional Víctor Rolle recitará unha cantiga de amor musicalizada do cancioneiro Afonso Páez, así como o profesor de lingua galega Pepe Casariego, fará o mesmo cunha cantiga de Pero Meogo.
Todo isto nun decorado completamente medieval con botafumeiro incluído e proporcionado pola presidenta da Asociación Bágoas da Terra de Viveiro, Mari Carmen Chipe.
“Estou moi satisfeita polo grande interese suscitado e a alta implicación por parte do alumnado, profesorado, e os diferentes organismos e colectivos, para potenciar o noso, a nosa cultura e a vinculación ao camiño de Santiago, neste caso, no seu paso por un tramo que da tanto de sí como é o de Viveiro, a través da música e desta fabulosa exposición da Deputación coa que tivemos a sorte de poder contar. Sen todos eles, isto non sería posible. Neste ano Xacobeo, e despois destos anos de pandemia, foi como traer a maxia da catedral compostelana, e todo o seu contexto, ao Concello de Viveiro e ao noso centro”, explicou a profesora viveirense, María Ron Cancio.